O Plan Móvese 2 permitirá ampliar ata 3.000 o número de lombos nas estradas da provincia
Por Redacción
O Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE 2) permitirá ampliar ata máis de 3.000 o número de 'lombos' e redutores físicos de velocidade instalados nas estradas da provincia. Así o manifestaron este mércores o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, que presentaron a nova edición do xa coñecido plan de calmado de tráfico para aumentar a seguridade viaria nas vías de titularidade provincial.
Benítez explicou o goberno provincial está "moi satisfeito" do Plan Móvese inicial, tanto da execución das obras como "do apoio social que recibiron as actuacións que se fixeron salvo casos moi illados", que se plasmou en "máis demanda de redutores de velocidade por parte de asociacións, colectivos e concellos".
Ante esta avalancha de peticións, o departamento de Mobilidade puxo en marcha unha nova convocatoria pública que tivo por resultado un proxecto de 1.552.145 euros de orzamento que se sacará a licitación de xeito inminente para instalar 358 novos redutores de velocidade.
A contratación das obras, segundo explicou Benítez, vaise acometer en dous lotes por cuestións xeográficas: un para a zona norte da provincia e outro para a zona sur -fronte aos catro da edición anterior-, con importes de 788.711 euros e 763.434 respectivamente, para un total de 38 concellos da provincia.
O deputado nacionalista quixo resaltar que houbo algúns municipios que non solicitaran actuacións no Plan Móvese inicial "quizais por reticencias ou descoñecemento" que agora si se animaron a pedir dispositivos de calmado de tráfico, como son Cambados, Meaño e Meis.
Benítez lembrou que o Plan Móvese 1 está totalmente finalizado e supuxo a instalación de 638 dispositivos de calmado de tráfico. Destacou que "entre os que xa están instalados e os que imos colocar adscritos a este plan específico de redución de velocidade hai 996 redutores, pero se engadimos os que xa había en estradas provinciais e os que se van sumando nos diferentes proxectos puntuais e actuacións da Deputación, en total roldamos os 2.000 redutores de velocidade nas estradas provinciais de Pontevedra", matizou.
O vicepresidente Mosquera engadiu neste sentido que, se se contabilizan os 'lombos' e redutores instalados polo resto dos concellos, Xunta e Fomento, a cifra total nas vías da provincia supera os 3.000 dispositivos.
Para finalizar a súa presentación, o deputado de Mobilidade destacou que que "mentres haxa demanda nós -a Deputación- imos seguir colocando dispositivos de calmado de tráfico porque é a nosa filosofía e cremos que é a única solución para acadar que haxa unha convivencia nas estradas entre as persoas e os vehículos... E a única maneira é que os vehículos, onde sexa necesario, reduzan a súa velocidade e a única maneira e con dispositivos físicos".
Benítez destacou tamén no recoñecemento que está a ter fóra de Galicia o Plan Móvese e lembrou o simposio de vías e obras da administración local celebrado en Valencia pola Asociación Española de la Carretera, onde houbo representantes doutras deputacións que manifestaron o seu desexo de implantar o modelo no seu territorio.
Tamén fixo fincapé en que a DXT mostrou interese sobre o seu desenvolvemento. "Hai moitas miradas postas na provincia de Pontevedra, nesta filosofía, e no plan Móvese", sentenzou.
Relacionadas:
-
A terceira fase do Plan Móvese inclúe medio milleiro de actuacións na provincia
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación ten previsto investir 2,5 millóns de euros en 478 obras en estradas provinciais
Por Redacción |
-
A ministra de Medio Ambiente de Suecia interésase sobre como aplicar o "Modelo Pontevedra"
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia a convocatoria do "Plan Camiña á escola"
Por Redacción |
-
A provincia de Pontevedra, referencia na aplicación da "filosofía Tonucci"
Por Redacción |