Sanxenxo quere crear 15 quilómetros de novas sendas costeiras entre as rías de Pontevedra e Arousa
Por Redacción
Sanxenxo suma máis de 24 de sendas costeiras e aspira a crear outros 15 entre as rías de Pontevedra e Arousa.
Os seis sendeiros que foron recoñecidos co distintivo azul de ADEAC suman 24,3 quilómetros ao longo do litoral da ría de Pontevedra, son: Areas - Punta Festiñanzo (1.480 metros), Sanxenxo - Portonovo (8.610 metros), Canelas - Punta Cabicastro (3.450 metros), Paxariñas - Montalvo (1.330 metros), Montalvo - Major (6.450 metros) e o sendeiro máxico da Lanzada (3.030 metros)
O goberno local está a traballar para poder ampliar os percorridos peonís na costa. Prolongando o paseo que agora finaliza na praia de Panadeira ata Areas, o que implicaría unha senda peonil de 2 quilómetros que comunicaría as praias de Lavapanos, Carabuxeira, Barreiros, Nanín e Areas.
Nunha segunda etapa prolongaríase outros 3 quilómetros de sendeiros de costa desde a Punta Festiñanzo ata a punta de Pampaido comunicando as praias de Areas coas de Agra e Pampaido.
Tamén está prevista a comunicación das praias de Caneliñas e Canelas pola punta de Seame. A creación destes tres novos tramos permitiría comunicar por unha senda peonil todo o litoral de Sanxenxo na ría de Pontevedra, desde o límite con Poio ata a praia da Lanzada que é o límite co Grove.
Esta costa ofrece unhas magníficas vistas da ría en lugares tan impresionantes como Punta Festiñanzo, Punta Cabiscastro, Punta Montalvo e Punta Faxilda entre outros.
Pero, ademais do litoral na ría de Pontevedra, Sanxenxo tamén conta con 9 quilómetros bañados pola ría de Arousa, onde hai aínda máis posibilidades de incrementar as sendas peonís grazas á súa suave orografía e a que ten menos construcións que o litoral da ría de Pontevedra.
Desde a punta da Fianteira ata a enseada do Bao na Revolta esta costa reúne uns atractivos moi singulares, con outonos e invernos moi suaves e belas vistas do complexo intermareal O Grove - Umia. Ademais é unha zona de avistamento de aves en calquera época do ano, especialmente no inverno.
As rutas peonís e de sendeirismo non se limitan exclusivamente ao litoral. No interior das sete parroquias de Sanxenxo hai espazos tan atractivos como a ruta dos carballos en Aldariz de 6 quilómetros, que se inicia en Padriñán e conclúe en Bordóns. A ruta de río Fabaiños de 4,7 quilómetros desde Portonovo a Noalla e na que se está traballando para conseguir as cesións necesarias que permitan crear un amplo paseo por esa contorna natural e a ruta dos muíños en Dorrón de 4,5 quilómetros que combina a paisaxe verde, muíños rehabilitados e as vistas sobre a ría.
A posta en valor de todos estes espazos naturais da costa e do interior e a súa posterior promoción mediante a creación de publicacións específicas e outras iniciativas de divulgación é un obxectivo prioritario do goberno dentro da estratexia de posicionar a Sanxenxo como un destino turístico os 12 meses do ano.
O éxito das praias, que sen dúbida son o principal atractivo turístico da vila, deixou en segundo plano outros recursos que ten Sanxenxo como son estes espazos naturais do interior e a costa, dos que se pode gozar en calquera momento de ano.
Relacionadas:
-
Unha actuación que empezou cunha senda e que inclúe a recuperación ambiental do litoral e un centro de interpretación
Por Redacción |
-
Comezan as cesións para as sendas de Dorrón e Fabaiños
Por Oskar Viéitez |
-
100.000 euros para reparar o camiño de acceso á ermida da Lanzada
Por Redacción |
-
Os veciños coñecen os anteproxectos das sendas de Dorrón e Fabaíños
Por Redacción |
-
Vía libre para a achega de area á praia da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Así é o proxecto definitivo para A Carabuxeira: 24.500 metros cúbicos de area similar á de Silgar
Por Redacción |
-
Pragueira e Bascuas estrean accesos a tempo para a tempada de praias
Por Redacción |
-
As praias das Rías Baixas lucirán 55 bandeiras azuis
Por Alejandro Espiño |