Así é o proxecto definitivo para A Carabuxeira: 24.500 metros cúbicos de area similar á de Silgar
Por Redacción
O proxecto de mellora da praia da Carabuxeira, en Sanxenxo, está cada vez máis próximo. O goberno local xa ten nas súas mans o proxecto definitivo, que está valorado en 1.929.914 euros e contempla un prazo de execución das obras de 12 meses.
O proxecto contempla a achega de 24.500 metros cúbicos de area similar á que xa se trouxo para a praia de Silgar e que procedía da desembocadura do río Mondego en Foz, Portugal. Con esta medida, a praia poderá recuperar as condicións que tiña no ano 1975.
Ademais, o proxecto incorpora unha solución definitiva para evitar futuras perdidas da area polo efecto das mareas e correntes, segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado.
O proxecto propón a recuperación dun tramo da costa do que ata agora só podían gozar os propietarios das vivendas que hai encima da praia coa construción dun paseo marítimo de 360 metros de longo e tres metros de ancho co mobiliario propio dunha infraestrutura deste tipo, isto é, varanda, bancos, farois e papeleiras.
Para poder facer realidade este paseo marítimo o goberno está a xestionar cos propietarios a cesión do espazo necesario.
Ademais, a execución deste paseo leva a mellora de todos os accesos que ten a praia, os tres que son públicos e os nove accesos privados que utilizan as vivendas particulares. Tamén propón a construción de dous diques aproveitando a configuración dos baixos rochosos da praia, unha solución que garante a contención da area e á vez supón o menor impacto posible.
O proxecto será realizado entre as administracións local, autonómica e estatal. O Concello encargarase da achega de area e a cesión dos terreos necesarios para facer o paseo marítimo. Portos de Galicia construirá os diques para evitar futuras perdas da area e, por último, a construción do paseo marítimo, realizaríaa a Dirección Xeral de Costas a través dun convenio entre o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Portugal non autoriza a saída da area que Sanxenxo quere para A Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo critica á oposición por non apoiar os seus plans para a praia da Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
Vía libre para a achega de area á praia da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere crear 15 quilómetros de novas sendas costeiras entre as rías de Pontevedra e Arousa
Por Redacción |
-
Sanxenxo entrega a Costas o proxecto da Carabuxeira para a súa avaliación ambiental
Por Redacción |
-
Primeira reunión de Costas, Portos e Concello para abordar a mellora da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Telmo Martín explica aos propietarios da Carabuxeira os seus proxectos de rexeneración para a zona
Por Redacción |