Sanxenxo xustifica a talla de árbores de Punta Vicaño con dous informes e por motivos de seguridade
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo respondeu este luns á polémica suscitada durante os últimos días en relación coa talla de árbores no parque de Punta Vicaño, duramente criticada polos grupos municipais de PSOE e BNG e por Somos En Marea Sanxenxo.
O grupo de goberno fixo públicos os informes realizados sobre a talla das árbores que lle demandaban o resto de partidos e criticou a forma de facer política da oposición, aos que tacha de "oportunistas" que "se dedican a facer ruído".
O Concello conta con dous informes do 20 de decembro e o 6 de febreiro e insiste en que, segundo eses documentos, a talla de árbores en Punta Vicaño "non só está xustificada, senón que ademais era de obrigado cumprimento por razóns de seguridade".
O 20 de decembro os técnicos advertían dos riscos que supoñían as árbores para a seguridade das persoas e sinalaban, ademais, que estaban enfermos. O segundo informe, do 6 de febreiro, ratifica as mesmas conclusións e inclúe unha memoria económica, supervisada polos servizos de intervención, co custo da talla, a venda da madeira e a posterior repoboación con árbores.
En base a eses informes, o goberno local insiste en que fixo "o que tiña que facer para non poñer en risco a seguridade das persoas que utilizan o parque" e en que, ademais, fíxoo sen custo algún para as arcas municipais, xa que o que se obtén da venda da madeira permite pagar a talla e a posterior repoboación.
Os técnicos recomendan que esa repoboación se faga no outono para garantir unha maior viabilidade das novas árbores. Segundo o Concello cando todo o proceso de mellora do parque termine, o resultado final será un espazo infinitamente mellor que o que había, máis seguro e máis atractivo. Para iso, están a traballar con naturalistas e expertos en paisaxismo.
A semana pasada Somos En Marea Sanxenxo esixiu a dimisión de toda a cúpula do goberno de Sanxenxo polo polémico arco iris do paseo de Silgar e pola "talla indiscriminada" de árbores de Punta Vicaño. Tamén a eles respóndelles o gurpo de goberno, que lles lembra que "non obtiveron representación nas pasadas eleccións municipais" e critica que "se dedican a facer populismo e xerar alarma coa intención de facer ruído".
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo construirá un estanque de 80 metros en Punta Vicaño
Por Manu Otero |
-
Sanxenxo plantará 78 novas árbores no parque de Punta Vicaño
Por Redacción |
-
Piden que o parque de Punta Vicaño sexa catalogado como Zona Protexida Forestal
Por Redacción |
-
O BNG cualifica de "desproporcionada e irresponsable" a talla de árbores en Punta Vicaño
Por Oskar Viéitez |