O 75% do persoal de Correos en Pontevedra secunda unha xornada de paros parciais
Por Redacción
O 75% do persoal de Correos na provincia de Pontevedra secundou a primeira xornada de paros parciais convocados en unidade de acción polos sindicatos CCOO, UXT, CSIF e Sindicato Libre, un seguimento que os representantes dos traballadores cualificaron de "seguimento masivo e éxito rotundo".
En Pontevedra, como noutras cidades españolas, os traballadores saíron á rúa para facer públicas as súas reivindicacións, no seu caso, a través dunha concentración de varias decenas de persoas ante a Subdelegación do Goberno.
A primeira xornada de protesta tivo un seguimento do 85% en toda España, con máis de 40.000 traballadores secundando unha folga parcial de 2 horas en toda España (salvo Madrid e Sevilla, onde houbo paros de 3 horas).
O secretario xeral de CCOO-Correos, Regino Martín Barco, valora que o elevado seguimento dos paros e as 60 concentracións e manifestacións realizadas evidencian que os traballadores rexeitan o recorte das partidas orzamentarias de 180 millóns de euros no financiamento para a prestación do servizo postal público en 2017 e 2018, á vez que claman por unha empresa con futuro, cun plan de empresa que permita a expansión na paquetería, o e- commerce e que lle permita saír das cifras de déficit de 225 millóns de euros (2017-2018).
Os sindicatos denuncian a supresión de 15.000 postos estruturais na última década, 187 na provincia, e a imposición dun modelo de emprego baseado na eventualidade (35% do persoal), os tempos parciais (22% do persoal), e contratos de días e horas. Insisten en que é un emprego baixo custo e unhas condicións laborais cada vez máis precarias reguladas nun convenio e acordo conxelados desde hai catro anos.