A renovación dos xardíns da Praza de Galicia obriga a pechala durante un mes
Por Redacción
Os traballos para a renovación paisaxística da praza de Galicia impedirán o acceso a todo este ámbito urbano durante aproximadamente un mes.
Así o comunicou o Concello de Pontevedra, que avanzou que a actuación vén de comezar coa mellora das áreas de axardinamento da praza. Nela, respectaranse os macizos de hortensias e se completarán coa colocación de novas especies de herbáceas, arbustos e bulbosas.
Así, plantaranse especies como acantos, daphne odora, sarcococca hookeriana, bergenia herbstblute, liriope muscari, helleborus, iris e narcisus barret browining.
Unha vez rematada coa plantación, comezarán os traballos para mellorar o rego para estas novas plantacións e as anteriores, e procederase a rexenerar o céspede dos parterres.
A última parte do proxecto será a intervención no pavimento terrizo da praza co propósito de solucionar os problemas de alagamento. Está previsto levantar os paseos centrais da zona axardinada e renovalos co fin de darlle solución aos charcos e acumulacións de auga.
Coa renovación da praza de Galicia, tamén se actuará nas rotondas da avenida de Augusto García Sánchez e da Praza da Liberdade, onde se retirará a vexetación existente e se instalará un novo axardinamento, previa preparación do terreo.
Na zona empregaranse plantas resistentes e perennes con múltiples floracións anuais. Tamén se mellorará o sistema de rego, que será por goteo na Praza da Liberdade.
A empresa Ferroser é a encargada de executar estes traballos, que teñen un orzamento de case 52.000 euros.
Relacionadas:
-
Os xardíns da Praza de Galicia lucirán máis vistosos e coloridos
Por Redacción |
-
Detectan a praga da falsa eiruga que ataca os freixos en xardíns do centro urbano
Por Mónica Patxot & Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Renovación "de entidade" para os xardíns da Praza de Galicia e Augusto García Sánchez
Por Alejandro Espiño |