Desconvocadas as folgas en Renfe Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O comité de empresa de Renfe en Pontevedra, na xuntanza que mantivo na tarde deste martes en Madrid coa dirección corporativa do Grupo Renfe e a dirección de Recursos Humanos de Renfe Viaxeiros, alcanzou un acordo de desconvocatoria das oito xornadas de paros parciais que tiña previsto desenvolver nos meses de xuño e xullo e que comezaban este 23 de xuño.
O acordo alcanzado contempla melloras nas condicións de traballo da canle de venda, priorizando para a provincia de Pontevedra a modernización dos equipos informáticos da canle de venda, e dos seus sistema de hardware e software.
Tamén a dirección do Grupo Renfe comprométese a mellorar as canles de comunicación entre o comité de Pontevedra e a Xerencia de Recursos Humanos de Galicia nas xuntanzas bimestrais que se celebran de xeito periódico.
Para rematar analizaranse os cadros de servizo do persoal de venda de billetes das estacións de Pontevedra, Vigo-Guixar, Vigo-Urzaiz e Vilagarcía para detectar as necesidades permanentes de recursos humanos e proceder a ofertar as prazas vacantes nos procesos de movilidade internos ou na oferta pública de emprego que se atopa en marcha e na cal está previsto de Renfe ingrese a 80 novos empregados para a información e venda de billetes.
Mentres, a empresa procederá a contratar de forma inmediata dous novos traballadores que aumentarán o cadro de persoal das taquillas da provincia de Pontevedra.
Dende CGT valoran positivamente o acordo atendendo a que con estas melloras e incorporacións de persoal mellórase a operativa de venda e atención ao viaxeiro, cubríndose as quendas de traballo pra dar un mellor servizo aos viaxeiros da provincia, permitindo restablecer os horarios na venda anticipada de Vigo Guixar e Pontevedra que foran recortados pola falta de persoal e dar un trato mais personalizado aos usuarios do ferrocarril galego.