O Concello renova a iluminación do centro de Ponte Caldelas
Por Redacción
A renovación paulatina de toda a rede de iluminación pública de Ponte Caldelas vén de dar un novo paso. O Concello estreou 33 novas luminarias led na contorna da rotonda de Pazos, na saída do centro urbano cara a estrada de A Lama.
Os novos farois pasaron de contar con lámpadas de vapor de sodio de 150 watios a dispor de modelos led de só 64 watios, o que supón un aforro enerxético dun 81%. O orzamento da obra ronda os 12.000 euros e quedará amortizada en pouco tempo gracias á redución do consumo.
Trátase da cuarta fase da modernización led do centro urbano acometida dende Ponte Caldelas ao longo do actual mandato municipal. A día de hoxe xa se substituíron máis de 250 lámpadas.
O goberno local tan só ten pendente estendela ás redes da avenida de Vigo e da travesía urbana da PO-234, estrada de Augasantas. No caso da avenida de Vigo substituiranse tamén os farois, pois están en mal estado e hai intención de ir embelecendo a contorna do futuro balneario.
Esta política de modernización tecnolóxica produce uns aforros no consumo eléctrico estimados nuns 30.000 euros ao ano. O aforro vén non só da man do consumo, senón tamén do mantemento da rede, pois os drivers (transformadores) están garantidos para 10 anos e as novas lámpadas led teñen unha vida útil duns 20 anos.
Unha vez completado o centro urbano, o goberno municipal iniciará a renovación tecnolóxica nos núcleos rurais, dotados con instalacións completamente obsoletas. Dará prioridade a aqueles con maior consumo, pois son estes os que producen tamén un maior aforro tras o cambio. Por este motivo, o traballo comezará en Vilarchán.
Relacionadas:
-
Día de estrea das xardineiras no casco urbano e os farois do Paseo da Calzada
Por Redacción |
-
O cambio a tecnoloxía led na iluminación das rúas aforrará aos caldeláns 30.000 euros
Por Redacción |
-
Unha senda peonil unirá o núcleo de Ponte Caldelas e Parada
Por Redacción |
-
A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción |