Veciños de Barro sofren ataques de avespas velutinas
Por Redacción
Desde a asociación Stop Velutina Umia, na que se inclúe o grupo de Barro, piden aos veciños que estreiten a vixilancia sobre os niños primarios para avistar as avespas velutinas co fin de eliminalos antes de que alcancen un maior tamaño e sexan máis difíciles de retirar.
Desde este colectivo alértase de que, nas últimas horas, sufriron picaduras varios habitantes do municipio. Unha veciña de Outeda en Curro tivo que ser atendida no centro médico de Barro tras o ataque dunha velutina. O enxame foi eliminado. Atopábase nun pequeno alpendre á beira dunha casa, dentro dun oco dun bloque, un dos puntos nos que con máis frecuencia aniñan.
Na Áspera, Portela, outro veciño foi sorprendido por tres avespas causándolle danos e obrigándolle a acudir a Urxencias do Hospital Montecelo. As picaduras resultaron dolorosas e causáronlle reacción. Cando o grupo de Barro Stop Velutina quixo retirar o niño, que tamén se atopaba no interior dun bloque, unha das avespas picou ao tenente de alcalde José Sanmartín, ao que se lle aplicou unha inxección no centro médico.
Durante a xornada deste venres retiráronse catro niños primarios e o equipo aínda tenta localizar un subterráneo. Ao longo deste sábado tamén está prevista a retirada doutros dous enxames en Porráns e en Vilaverde.
Este tipo de niños adoitan atoparse moi preto dos lugares nos que residen persoas e animais domésticos. Por este motivo, é necesario extremar as precaucións. Desde Stop Velutinas Umia alertan tamén de que a falta de froitos deste ano provocará que as velutinas busquen alimento nas vides e atacarán a pouca froita que se atopa nas árbores.
Relacionadas:
-
O Grupo Stop Velutina intensifica as súas accións
Por Redacción |
-
Os apicultores alertan sobre as avespas velutinas: "O único xeito de erradicalas é saber onde están todos os niños"
Por Redacción |
-
Unha veciña de Barro recibe asistencia médica ao ser picada por tres avespas velutinas
Por Redacción |
-
Barro capturou 800 raíñas de velutina no último mes
Por Redacción |
-
Barro blíndase fronte á vespa velutina, que prolifera coa chegada do bo tempo
Por Redacción |