De Vintage, O Xavique e A Adega triunfan no concurso de tapas "Espétalle un Pincho"
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de fallar e de entregar os premios da sétima edición do concurso de tapas "Espétalle un Pincho", que se celebrou a comezos do presente mes de xullo e que nos últimos anos abre a programación da Festa do Carneiro ó Espeto.
Nesta ocasión, o establecemento De Vintage quedou como gañador deste certame e foi acompañado no podio pola taberna tradicional O Xavique e A Adega, respectivamente, segundo o ditame do xurado profesional, conformado por bloggers do grupo Galicia Gastro, representantes de Barro de Tapas e do portal O Viaxadoiro, membro de Galicia TB.
Os galardóns foron entregados este martes nun acto celebrado no consistorio de Moraña coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, do teniente de alcalde José Cela e de Faustino Batallán, en representación do xurado.
O certame, plenamente consolidado como arranque da programación do Carneiro ó Espeto, celebrouse durante dúas xornadas, nos seráns do primeiro venres e sábado deste mes, e contou coa participación de nove establecementos do municipio. Os participantes amosaron novamente a súa calidade, inxenio e innovación á hora de preparar petiscos baseados no carneiro.
O concurso, que serve para desestacionalizar a difusión e sinerxias do Carneiro ó Espeto máis aló da fin de semana central da festa -programado entre o 27 e o 29 de xullo-, estivo organizado polo Concello en colaboración co sector dos hostaleiros de Moraña.
No acto de peche e entrega de premios, Luisa Piñeiro quixo agradecer a "variedade, calidade e traballo" dos hostaleiros locais e destacou o "elevado nivel" dos petiscos presentados no concurso, ademais de felicitar aos gañadores pola consecución dos seus premios.
Relacionadas:
-
A Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña busca a declaración de Interese Turístico Nacional
Por Redacción |
-
Moraña desborda no día grande da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Kiko&Shara, Natalia, Amistades Peligrosas, El Regreso de la Década e a Festa Kioto estarán na Gala do Carneiro
Por Oskar Viéitez |
-
"Espétalle un pincho" consolídase como ruta de tapas en Moraña
Por Redacción |