O Pazo da Cultura acolle un obradoiro psicolóxico e xurídico sobre o proceso de maternidade
Por Redacción
Este venres, a partir das 11.00 horas, o Pazo da Cultura acolle un taller de apoio psicolóxico e xurídico para mulleres xestantes. Trátase dunha proposta da asociación Menthor que pon en marcha o Programa Muxela, a través da Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo.
A iniciativa busca ofrecer un espazo seguro, con coñecemento dos seus dereitos, a mulleres embarazadas e tamén lactantes ou nais con menores de 3 anos. Búscase incrementar as redes sociais para as mulleres a través de experiencias e información sobre as prestacións ás que as embarazadas teñen dereito.
Durante dúas horas, as asistentes coñecerán o proceso de maternidade analzando as diversas fases e ofreceranse datos sobre a lactación materna, os procesos evolutivos do menor e os cambios psicolóxicos que se poden desenvolver na muller.
A psicóloga María Filomena Garrido será a encargada deste apartado mentres que a avogada Ádega Castro analizará os dereitos da muller, tanto no ámbito laboral como en relación ás axudas económicas ás que poden optar as grávidas.
As interesadas poden inscribirse enviando un correo a asociacionmenthor@gmail.com. Tamén poden apuntarse durante a sesión deste curso gratuíto. Aquelas persoas que demanden máis información poden contactar coa organización a través dos teléfonos 652.903.363 e 678.370.195.