Queixas dos usuarios do Hospital Provincial ante temperaturas nas habitacións superiores a 35 graos
Por Anxo Lourido
Agosto chegou con temperaturas moi elevadas. Se nas rúas de Pontevedra é fácil atopar termómetros marcando 35 graos, nas habitacións do Hospital Provincial a calor chega a superar esa cifra. Tanto traballadores como familiares de pacientes deste centro hospitalario sinalan que a situación é "inhumana".
Argentina Rodríguez é a filla dun paciente de 56 anos que se atopa na área de Medicina Interna 1 no Hospital Provincial. Para ela, a calor que están a pasar as persoas internadas neste edificio é inexplicable. "É tercermundista", afirma, para aclarar que tanto coas xanelas abertas como pechadas a calor resulta insoportable para pacientes que, en moitos casos, contan cunha idade avanzada. Por iso, os acompañantes utilizan abanicos ou calquera outro sistema que axude a aliviar a calor nas instalacións hospitalarias.
Aseguran, ademais, que os ventiladores que se atopan nas habitacións non resolven o problema porque unicamente moven o aire pero non refrescan o ambiente cargado que se respira neste edificio. Reclaman á xerencia do complexo hospitalario aparellos portátiles de aire acondicionado para resolver esta calor que, segundo as previsións meteorolóxicas, prolongarase durante o fin de semana.
Traballadores do hospital alertan de que mesmo algúns familiares decidiron comprar equipos de refrixeración para levalos ás habitacións e facilitar a estancia dos enfermos. Lamentan, ademais, que non se adoptaron medidas preventivas por parte do Sergas cando se trata dunha situación que se repite cada verán.
Varios familiares presentaron unha reclamación por escrito durante a xornada deste venres á espera dunha solución inmediata por parte da xerencia alegando que esta situación agrava aínda máis o malestar dos pacientes que se atopan ingresados.
PROTOCOLO INTERNO
Desde a xerencia do complexo hospitalario indícase que, ademais dos ventiladores adquiridos durante 2017, xa se estableceu un protocolo interno de actuación ante esta vaga de calor.
Apuntan que a dirección se encontra en coordinación cos controis de Enfermería para dotar de refrixeración eléctrica ás zonas sensibles do Hospital Provincial.
En xuño do pasado ano, o Sergas instalaba equipos autónomos de frío neste centro hospitalario durante outro período de altas temperaturas.
Relacionadas:
-
O Parlamento reclama á Xunta que solucione as "insoportables" temperaturas do Provincial
Por Redacción |
-
O PSOE considera que a calor rexistrada dentro do Hospital Provincial é "inhumana" e pide solucións
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Sergas instala equipos autónomos de frío para combater a calor no Provincial
Por Redacción |
-
Equipos de frío e ventiladores contra a calor no Hospital Provincial
Por Redacción |