Cidadáns demanda unha adecuada asistencia sanitaria para as afectadas por endometriose en Pontevedra
Por Redacción
A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey Martínez, apoia as reivindicacións da Asociación querENDO de Mulleres con Endometriose e levaraas ao próximo pleno da corporación municipal a través dunha moción de apoio para demandar unha adecuada asistencia sanitaria ás afectadas por esta doenza.
Segundo os datos da citada asociación, esta doenza que afecta en Galicia a 60.000 mulleres -9.000 con formas severas de dor- ten un atraso medio no diagnóstico de oito anos, "debido ao descoñecemento desta doenza e dos seus síntomas por parte das mulleres e pola pouca atención por parte do sistema sanitario".
Trátase dunha patoloxía que chega a resultar incapacitante para as afectadas e en moitas ocasións leva problemas de infertilidade, por iso é polo que, ante a gravidade, María Rey decidiu facerse eco das súas demandas e presentar esta moción "para dar visibilidade a unha doenza que afecta a un gran número de mulleres e que se mantivo invisible durante demasiado tempo".
"Tentaremos poñer en marcha todos os mecanismos que estean ao noso alcance para facilitar a vida das afectadas e para que no sistema sanitario esta enfermidade teña unha mellor atención", indicou María Rey, que lembra que hai tres anos os grupos políticos do Parlamento de Galicia comprometéronse nun acordo unánime a asumir a maior parte das peticións deste colectivo, pero ata a data non se avanzou nada.
María Rey considera o respaldo a esta moción "fundamental para a igualdade que defendemos sempre" e pide ao resto de grupos políticos que, seguindo as reivindicacións da asociación, aprobe un documento para que desde o Concello se inste ao Sergas a que habilite consultas específicas de endometriose suficientes para o número de afectadas na área sanitaria.
A moción tamén pide a creación dunha unidade interdisciplinar composta por xinecólogos, radiólogos, cirurxiáns, urólogos, anestesiólogos, psicólogos e outros especialistas, a fin de mellorar a atención nos casos máis graves e derivar a estas pacientes a unidades multidisciplinares doutras áreas sanitarias mentres non estea en funcionamento en Pontevedra.
Ademais, solicita ao Concello a posta en marcha de campañas de información para nenas de 12 a 18 anos nos centros educativos do municipio para dar a coñecer a enfermidade e tratar de acurtar o atraso no diagnóstico e que se comprometa a solicitar aos institutos de investigación públicos o desenvolvemento de proxectos de investigación sobre a endometriose. Entre outras medidas, tamén se esixe facilitar ás afectadas un mellor acceso aos tratamentos de fertilidade nos hospitais públicos.