Dos creadores de Sanxenxo Degusta Tapas... chega Sanxenxo Degusta Drinks
Por Alejandro Espiño
Tras Sanxenxo Degusta Tapas... chega Sanxenxo Degusta Drinks. Ao certame gastronómico organizado polo Concello de Sanxenxo e Turismo de Sanxenxo, saíulle compañía. 19 establecementos hostaleiros do municipio participan na nova edición deste concurso de cócteles. Celebrarase, igual que o de tapas, entre o 17 de maio e o 23 de xuño. En total, presentaranse 30 cócteles repartidos en dúas categorías: con alcohol e sen alcohol.
Este produto gastronómico, englobado dentro da marca 'Sanxenxo Degusta', que contén xa distintas propostas, alcanza con esta a súa segunda edición. E do mesmo xeito que o concurso de tapas, cada vez a participación dos locais é maior. Segundo sinalou Romina Fernández, xerente de Turismo de Sanxenxo, sumáronse a este certame sete novos locais e os cócteles presentados son once máis que o ano pasado.
O prezo dos cócteles manterase con respecto á edición anterior, e será de catro euros se leva alcohol e de tres euros se é sen alcohol. Ademais, manterase tamén o sistema de votación para elixir aos gañadores. Un xurado profesional avaliará diferentes parámetros das propostas presentadas polos locais, e os votos do público determinarán o gañador popular, nas clasificacións de 'coctel con alcohol' e 'coctel sen alcohol'.
Haberá novidades, por outra banda, cos premios. Do mesmo xeito que con Sanxenxo Degusta Tapas, quérese premiar a fidelidade dos clientes, polo que as 38 primeiras persoas que completen a ruta deseñada recibirán de forma automática un lote de produtos ofertados polos locais participantes. Coa metade dos selos optarase a estancias de fin de semana en Oporto e Cantabria ou viaxes en barco pola Ría; mentres que co mínimo de locais visitados, tres, pódense gañar, entre outras cousas, visitas guiadas a adegas con cata incluída.
Sanxenxo Degusta Drinks porá a disposición toda a información do concurso, as rutas dos establecementos participantes, fotografías das tapas, prezos e horarios, na recentemente creada guía turística ePocketGuide e nos demais soportes dixitais utilizados habitualmente por Turismo de Sanxenxo.