Nova actuación de mellora da seguridade viaria na PO-234, no único acceso a Portasouto
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas porá en marcha nos próximos días as obras de asfaltado da pista municipal que comunica o núcleo de Portasouto coa estrada autonómica PO-234.
A actuación será asumida polo Concello no marco do Plan de Mellora de Camiños de titularidade municipal que cofinancian a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Deputación Provincial.
As obras foron licitadas cun orzamento de saída de 50.346 euros e presentáronse un total de oito ofertas. A construtora gañadora, Hordescón S.L., ofertou a execución en 38.555 euros. A actuación deberá estar rematada en 3 meses e inclúe o completo reasfaltado e acondicionamento, con aplicación dunha nova capa de bituminosa de 5 centímetros de grosor.
A pista de Portasouto, cunha lonxitude moi próxima aos 1,5 quilómetros, dá servizo a varias vivendas, polo que foi seleccionada polo Goberno local para a súa inclusión na convocatoria do Plan de Mellora desta anualidade. A capa de rodaxe non ten sido volta a asfaltar dende a súa construción, hai varias décadas, polo que presenta numerosas fochancas. O Concello mesmo tivo que varrela e tapar os buratos en varias ocasións.
Dáse a circunstancia de que é o único acceso posible a Portasouto, polo que é transitada polo camión municipal de recollida de lixo. Tamén dá servizo á Comunidade de Montes de Laxoso para os aproveitamentos forestais, a pesar de que non foi concibida no seu momento para o paso de vehículos pesados.
Para a licitación destas obras, o Concello de Ponte Caldelas, ao igual que sucedeu coas novas beirarrúas de prolongación da rúa de González Besada, tivo que pedir autorización á Axencia Galega de Infraestruturas (Consellería de Infraestruturas), dado que conectan coa controvertida estrada autonómica que a Xunta de Galicia se comprometeu a arranxar integralmente xa no ano 2007.
Relacionadas:
-
A Xunta avanzará na licitación da reforma da PO-234 antes de que remate o ano
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A plataforma da PO-234 reactívase "diante dos incumprimentos da Xunta"
Por Oskar Viéitez |
-
A PO-234 gaña en seguridade viaria cunha nova beirarrúa no seu tramo urbano de Ponte Caldelas
Por Redacción |