A primeira WordCamp de Galicia reunirá en Pontevedra preto de 200 persoas
Por Redacción
O sistema de código aberto co que se xestionan o 30% das páxinas web de todo o mundo, WordPress, reunirá os días 22 e 23 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preto de 200 asistentes procedentes de diferentes puntos de España, segundo as previsións dos organizadores da WordCamp Pontevedra 2018, o primeiro evento oficial de WordPress que se desenvolve en Galicia.
Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da organización internacional WordPress Foundation, o campus acolle un evento que reúne no seu programa preto de 20 relatorios.
Para levar a cabo este evento asinouse, no mes de xullo, un convenio entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, grazas ao que se reservan 40 abonos ao prezo reducido de 10 euros aos integrantes da comunidade universitaria.
As xornadas contarán coa participación de grandes profesionais e líderes de WordPress que, a través dos seus relatorios, compartirán os seus coñecementos sobre desenvolvemento, programación e deseño.