Xosé Baamonde continuará tres anos máis á fronte de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción
Xosé Baamonde foi reelixido decano de Ciencias Sociais e da Comunicación pola Xunta de Facultade con 44 votos a favor e cinco en contra.
Este profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade leva a fronte do centro desde decembro de 2015, Baamonde concorría a esta votación cun equipo que completan os docentes Mabel Míguez, Diana Ramahí, José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal. A súa candidatura foi a única presentada no proceso electoral aberto neste centro.
Promover que todos os colectivos "sexan partícipes na toma de decisións daquelas cuestións relativas ao futuro do noso centro", fomentar o diálogo e a transparencia e impulsar a visibilidade das diferentes titulacións foron "eixos básicos de actuación" salientados por Baamonde na súa proposta de traballo para o período 2018-2021.
No documento que presentou á Xunta de Facultade, o decano salientou entre os obxectivos para este período "analizar a posibilidade de dobres graos que contribúan a unha maior capacitación dos nosos egresados", ámbito no que fixo énfase no valor de "aproveitar as especiais relacións de Galicia cos países de América Latina".
No eido da docencia, avogou tamén por "seguir apostando pola calidade, que é a que nos vai permitir acadar reputación e prestixio".
Do mesmo xeito, lembrou tamén a aprobación do plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, co que esta titulación pasou a ofertar unha serie de materias en inglés, para incidir que "é preciso darlle un novo pulo a este proceso nos outros títulos, tendo en conta a importancia da mobilidade tanto do alumnado como do profesorado".