Denuncian novos casos de venda ilegal de animais en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Cans a un euro ou animais de caza que se cambian por "colares gps" son algúns dos exemplos que se atoparon nunha coñecida páxina web de compravenda durante unha das inspeccións da Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, recollendo 20 novos anuncios de venda ilegal na contorna de Pontevedra.
Os animalistas advertiron que ningún dos anuncios "capturados" cumpre coas especificacións básicas da Lei de Benestar Animal de Galicia en relación ao comercio de animais, onde se esixe un número de inscrición no Reganuz, o Rexistro Galego de Núcleos Zoológicos, visible en calquera oferta ou proposta de venda.
Ademais, os defensores dos animais constataron que "as transaccións irregulares de cans explotados en cacerías son masivas e descontroladas, fomentan un comercio ilegal que comete tamén unha fraude á Facenda pública xa que nin existe pago de IVE, retencións de IRPF nin declaración fiscal algunha".
FFW e LIBERA! avanzan o traslado inmediato dos novos casos de venda ilegal á Delegación Territorial da Consellería de Medio Ambiente, advertindo que determinadas empresas na internet "estaríanse lucrando dunha infracción de carácter grave", sancionada na normativa autonómica con ata 5.000 euros e a inhabilitación accesoria para a tenencia de animais por un máximo de cinco anos.
Os animalistas alertan que estas transaccións "carecen de calquera garantía sanitaria" e que mesmo detectan ofertas de cans sen vacinar nin identificar, "o cal supón toda unha invitación a un posterior abandono".
Segundo os datos de Fundación Affinity, o 15% dos abandonados correspondería con cánidos explotados en cacerías, aínda que estes dous colectivos sinalan que os refuxios da provincia manteñen, na súa inmensa maioría, cans identificables con esta actividade nas súas instalacións.