Unha avaría na rede de auga deixa sen subministración de gas a parte do centro histórico
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha avaría na rede de subministración de auga de Pontevedra derivou este martes en problemas no servizo de gas que afectou a particulares e negocios de parte do centro histórico de Pontevedra.
Todo ocorreu a partir de media mañá. Responsables da empresa concesionaria da xestión da auga en Pontevedra estaban a traballar na súa canalización cando se produciu unha avaría que afectou á canalización do gas da empresa distribuidora de gas natural de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa), Negdia Galicia.
Segundo a información facilitada por fontes oficiais de Negdia Galicia, entrou auga na rede de gas, de modo que foi necesario que o persoal da empresa empezase a traballar para reparar a incidencia. Mentres a empresa da auga repara a súa avaría, a do gas purga a auga que entrou na súa canalización.
Fontes veciñais indicaron que boa parte do centro histórico quedou sen subministración e desde Negdia Galicia concretan que a incidencia afectou a un máximo de 167 clientes, pero sen ser posible especificar o número exacto.
A avaría na rede de auga produciuse na contorna da praza de Curros Enríquez, unha zona na que a última hora da tarde deste martes seguían traballando varios operarios. Ademais, os traballadores de Negdia Galicia centráronse na zona de Valentín García Escudeiro para eliminar a auga da súa canalización.
Segundo fontes oficiais, os primeiros clientes empezaron a chamar sobre as 12.00 horas para alertar da incidencia, que segue activa e cos usuarios sen servizo. Non se pode calcular o tempo necesario para restituír o servizo porque se trata dunha tarefa "complicada" debido á "cantidade de auga" acumulada, pero ao longo da tarde si foron recuperando a subministración algúns clientes, entre eles varios establecementos de hostalería.