O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG convoca unha mobilización o 27 de setembro
Por Oskar Viéitez
O colectivo de pensionistas e xubilados do sindicato CIG convocou mobilizacións para o vindeiro xoves día 27 de setembro en diversas cidades de toda Galicia. No caso de Pontevedra será ás 20 horas na Praza da Peregrina.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes no local desta central nacionalista en Pontevedra, o secretario comarcal, Marcos Conde, lembrou que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado xa que máis da metade non chegan aos 677,70 euros.
Advertiu que a actual suba das pensións, na realidade, non cambia substancialmente a situación, dado que supón unha media dun 2,6% de incremento, co que non se recupera todo o poder adquisitivo perdido por pensionistas desde o ano 2013 en que a reforma do PP eliminou a revalorización das pensións co IPC.
Segundo a CIG, a suba que recollen os orzamentos aprobados en xullo supón un incremento de tan só 20 euros ao mes.
Conde explicou que co cambio de Goberno no Estado houbo "expectativas novas" que frearon as mobilizacións previstas, pero pasado un tempo "non miramos que houbera ningunha variación" polo que na CIG decidiron "seguir a loita".
Entre outras reivindicacións a CIG reclamará na rúa a supresión do factor de sustentabilidade, a fixación por lei da pensión mínima igual ao salario mínimo interprofesional (60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC.
Tamén demandan a xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
E tamén piden que se faga o cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
Igualmente queren que se supriman as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais, e que se eliminen os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
Finalmente, a CIG reclama o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
Relacionadas:
-
Pensionistas e xubilados da CIG volven á loita
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A CIG demanda ao goberno de Sánchez un sistema público de pensións de garantía
Por Redacción |
-
A CIG fai un chamamento na Peregrina a que Pedro Sánchez recupere os dereitos da clase traballadora
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG suspende a folga xeral e dá un voto de confianza a Pedro Sánchez
Por Redacción |