Imputan dúas persoas por vender haxix e denuncian outras cinco por posuilo e consumilo na Ferrería
Por Natalia Puga
Un operativo da Policía Local de Pontevedra desenvolvido en dúas fases os días 3 e 15 de maio saldouse coa imputación de dúas persoas por venda de haxixe a denuncia doutras cinco por levalo enriba e consumilo na vía pública. Tanto as vendas coma o consumo realizábanse nos Xardíns de Casto Sampedro, no ámbito da praza da Ferrería.
A intervención da Policía Local estivo motivada polas queixas e denuncias formuladas por varios cidadáns sobre a presenza dun grupo de persoas nos citados xardíns en actitudes relacionadas coa venda e o consumo de substancias estupefacientes.
As denuncias indicaban que na zona se congregaban cidadáns con aspecto de toxicómanos aos que se vía preparar porros e, posteriormente fumalos, así como doutros individuos que supostamente os surtían da droga.
A Policía Local estableceu un dispositivo de vixilancia durante varios días ata que logrou acreditar a veracidade das denuncias recibidas. Froito desta vixilancias e investigacións, o 3 de maio procedeuse á identificación e posterior imputación dun home de 42 anos por supostamente vender drogas. Ese mesmo día identificouse outros dous individuos por tenza e consumo de estupefacientes, en todos os casos, haxíx.
Os veciños queixáronse de actitudes dirixidas ao trapicheo e consumo de drogas nunha zona frecuentada por menores
As queixas continuaron, de modo que a Policía Local volveu actuar no ámbito da céntrica praza. As seguintes investigacións deron os seus froitos o 15 de maio, cando puideron acreditar que había outra persoa, un varón de 45 anos, que se dedicaba á venda de haxíx nos Xardíns de Casto Sampedro.
Este home foi identificado, traslado a dependencias policiais e imputado por un delito contra a saúde pública. Nese mesmo operativo, foron identificadas e denunciadas outras tres persoas por tenza e consumo de estupefacientes na vía pública.
As dúas intervencións saldáronse con dous imputados, cinco denunciados e a intervención de pequenas cantidades de haxíx que entre todos os implicados non alcanzarían os 100 gramos. A importancia desta actuación policial céntrase na erradicación dunha actividade delituosa e insalubre nunha zona moi transitada da cidade e frecuente punto de encontro de menores.
Relacionadas:
-
Apelan ao autoconsumo nun xuízo por trapicheo: "Por desgracia, soy adicto y lo necesito para los nervios"
Por Natalia Puga |
-
Tres detencións por venta de drogas no entorno da praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Dous imputados nun novo operativo contra o trapicheo no entorno da Ferrería
Por Redacción |
-
Identifican seis persoas e imputan a dúas por trapichear no ámbito da Ferrería
Por Natalia Puga |