O alcalde de Ponte Caldelas quere falar coa Xunta da Casa da Quintán
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, remitiu unha carta á nova conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para solicitarlle unha entrevista na que abordar a situación da Casa da Quintán, o edificio reformado pola Xunta hai case dez anos para usos sociais, cun investimento público de medio millón de euros, e que nunca chegou a estrearse.
A carta, enviada o pasado 29 de setembro, só un día despois da toma de posesión comeza cunha felicitación polo nomeamento e o desexo dos maiores éxitos. Ademais, o goberno local tripartito ponse ao dispor da conselleira para o que sexa preciso e adiántalle a súa vontade de colaborar.
Andrés Díaz lembra que xa solicitou outra entrevista formal a José Manuel Rey Varela, antecesor da actual conselleira, sen que a petición, que foi reiterada con dúas mocións aprobadas polo pleno e mesmo persoalmente en conversa co secretario xeral da Consellería de Política Social, fóra atendida.
A carta inclúe tamén fotografías da propia Casa da Quintán, tanto interiores como exteriores, para que a conselleira tome conciencia da situación. Máis aínda, cando é a única instalación deste tipo, titularidade da Xunta de Galicia, que permanece pechada. O edificio, mesmo está dotado con mobiliario, útiles de cociña, ordenadores, televisores, etcétera.
A Casa da Quintán é un chalé indiano que foi cedido pola fundación Sálvora para convertelo en centro de "respiro" para familias con persoas con discapacidade intelectual. Diante da negativa da Xunta de Galicia a abrilo, sen ningunha explicación oficial, o Concello propuxo utilizalo como residencia de maiores ou para calquera fin social. Mesmo impulsou o diálogo coa directiva de Sálvora, que está aberta a renegociar as condicións da cesión e facilitar a apertura.
Dende o Concello de Ponte Caldelas tamén se solicitou unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para abordar este e outros asuntos pendentes en Ponte Caldelas. Tampouco houbo resposta a esta petición.
Relacionadas:
-
Política Social propón reabrir a Casa da Quintán como centro de menores tutelado
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas volve solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social pola Casa da Quintán
Por Redacción |
-
O Concello e a Fundación Sálvora unen esforzos para pedir á Xunta a apertura da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Avanza a negociación para a apertura da Casa da Quintán
Por Noelia Torres Pintos |