O Sergas fai cambios na cobertura pediátrica de Ponte Caldelas, A Lama e Cambados
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde mantivo este luns un encontro técnico no Concello de Ponte Caldelas para expoñer a reestructuración da atención pediátrica de Atención Primaria na comarca.
A pediatra que ata agora atendía aos nenos dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Cotobade vai pasar a atender exclusivamente aos de Ponte Caldelas e A Lama. Dita pediatra -con praza en propiedade en Arcade- vai prestar os seus servizos nesta zona ata finais deste mes de outubro.
Esta decisión foi acollida con agrado polo concello de Ponte Caldelas e suscitou as queixas do de A Lama.
O Sergas sinalou que, polo momento, non se dispón dun profesional de Pediatría para prestar con continuidade os seus servizos de Atención Primaria en Ponte Caldelas e A Lama. Non obstante, a xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés agarda contar cun profesional que, a partires do vindeiro 1 de novembro, se faga cargo da atención pediátrica nestas dúas localidades.
Finalmente, o Servizo Galego de Saúde explicou que o resto de aspectos relacionados coa atención pediátrica de Atención Primaria nesta zona quedan supeditados á posibilidade de poder contar cun profesional que acepte prestar con continuidade a cobertura de atención sanitaria infantil nos devanditos municipios.
CAMBADOS
No caso do centro de saúde de Cambados o Servizo Galego de Saúde ven de concentrar a cobertura de pediatría de Atención Primaria na xornada de mañá.
Ata o de agora, o Sergas contaba con tres prazas, dúas en xornada de mañá -cubertas por dous pediatras- e unha praza de tarde -que continúa vacante e se cubre de xeito discontínuo por pediatras que fan prolongación de xornada-.
Por ese motivo, a atención pediátrica de tarde no centro de saúde de Cambados tiña unha dispoñibilidade horaria reducida e discontinua, ao non poder cubrirse de xeito continuado e estable cun pediatra.
Dous feitos recentes viron a alterar esta situación en Cambados: en primeiro lugar, a posibilidade de incorporar un novo pediatra, que cubrira a praza vacante pero sempre que a asistencia se prestara en xornada de mañá e, por outra banda, un dos pediatras que traballan en xornada de mañá pediu unha excedencia por coidado dun fillo. Este último feito fai que, transitoriamente, Cambados quede con só dous pediatras.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade demandará ao Sergas a recuperación do servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
A alcaldesa de Moraña cre que se debe ser "comprensivo" unhas semanas co Sergas pola falla de pediatras
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis convoca concentracións para reclamar a reposición do servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa o servizo de pediatría na Lama e aumentan as horas de atención en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os socialistas, preocupados pola supresión de pediatría no centro de saúde de Carballedo
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama e Cerdedo-Cotobade únense a Ponte Caldelas na demanda de pediatras e médicos de familia
Por Redacción |
-
O Colexio de Médicos de Pontevedra, moi preocupado pola situación da Atención Primaria
Por Oskar Viéitez |
-
Pediatras itinerantes cubrirán toda a área sanitaria durante as vacacións de verán
Por Redacción |