A Cidade da Cultura quere potenciar a visibilidade de Pontevedra no Gaiás
Por Anxo Lourido
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, renovaba este mércores o convenio de colaboración con AJE Pontevedra, a través da firma do acordo co presidente deste colectivo, Pablo Fernández.
A través deste convenio os participantes gañadores da XXIII edición do premio Xove Empresario deste ano poderán utilizar, de maneira gratuíta, dous espazos de coworking no Centro de Emprendemento (CEM) da Cidade da Cultura, no que actualmente desenvolven os seus proxectos ao redor dun centenar de proxectos, entre viveiros e espazos de coworking nos que participan iniciativas de toda Galicia.
A cesión para o gañador do premio Xove Empresario do espazo de coworking será durante un ano e verase acompañada de cursos de formación específica e asesoramento a custo cero para os gañadores.
Segundo explicaron tanto Ana Isabel Vázquez como Pablo Fernández, tamén está prevista a organización de eventos de networking e ampliar a rede de contactos dos emprendadores.
A directora-xerente da Cidade da Cultura apuntou, ademais, que Pontevedra está cada vez máis presente no Gaiás e sinalou, neste sentido, a inauguración da exposición 'Castelao maxistral' con cesións do Museo de Pontevedra e a presentación proximamente do proxecto 'Contornos e contornas', unha iniciativa elaborada por un grupo de emprendedoras da cidade do Lérez no que se analiza a relación entre a aquitectura e a educación a través da creación de espazos nos centros escolares.
Pablo Fernández sinalou que polo momento xa se presentaron oito candidaturas á edición do Premio Xove Empresario, unha cifra superior ás anteriores convocatorias. O prazo de entrega de candidaturas finaliza o 28 de outubro ás 23.59 horas.
Relacionadas:
-
A Cidade da Cultura exhibe obras únicas dos fondos do British Museum na exposición ‘Faraón. Rei de Exipto’
Por Redacción |
-
O Gaiás acolle este sábado o recital da Coral Polifónica de Pontevedra ante o pano creado por Castelao
Por Redacción |
-
AJE entrega os seus Premios Xove Empresario a un asesor financieiro online e a un negocio eólico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Premio Xoven Empresario de AJE repartirá este ano 45.000 euros entre os galardoados
Por Redacción |