Obras de seguridade viaria e un parque infantil integran o plan parroquial de Valongo
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade xa ten preparado o plan parroquial de Valongo, o sexto do municipio tras os deseñados para Tenorio, Carballedo, Almofrei, Augasantas e Viascón.
Entre outras actuacións, inclúe diversas obras de reforzo da seguridade viaria e a construción dun parque infantil como principais investimentos.
Está previsto que as actuacións se executen entre este ano e o primeiro semestre de 2019. Investiranse nelas 150.000 euros.
Nesta liña, o presidente municipal Jorge Cubela asegura que non se trata dunha cifra pechada, senón dunha folla de ruta e, polo tanto, podería incrementarse se aparecen novas oportunidades.
En canto ás vindeiras actuacións, todas elas previstas a curto prazo, construirase un novo parque infantil homologado con xogos variados para os cativos e catro equipos biosaudables orientados principalmente á terceira idade.
Esta área suporá un investimento de 40.000 euros e será o máis elevado xunto co proxecto de mellora da seguridade viaria que contempla a construción de oito lombos en diversos puntos da parroquia cunha partida de 18.000 euros.
Así mesmo, o goberno local tamén prevé a rehabilitación integral da fonte Portiño do Cobo con tarefas de limpeza, picado, rexuntado, selado, sinalización, reparación de elementos danados e analíticas de auga e a dotación dunha nova caldeira para a Casa do Pobo.
Finalmente, anunciouse que a parroquia, que vén de recibir este ano un contedor de reciclaxe de aceite doméstico, incorporarase en 2019 ao sistema municipal de compostaxe de lixo.