Carmela Silva: "Eu non son submisa e tampouco colaboracionista"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lamentou a "linguaxe bélica" empregada polo Partido Popular e reiterou que "eu non vou entrar nas súas descualificacións".
Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Pontevedra, Carmela Silva respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre as críticas xeradas por mor da súa decisión de ausentarse da comisión de orzamentos do Parlamento de Galicia á que foi chamada para explicar as contas do ente provincial.
Carmela Silva asegurou que "a presidenta da Deputación non vai de palabrería" e subliñou que "non poño bandeiras xigantes alí por onde paso pero eu defendo a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía" que, segundo indicou, din que "as administracións locais non estamos supeditadas a ningún Parlamento".
Silva defendeu a "autonomía local" da Deputación "e por tanto, síntoo moito, o PP equivócase de presidenta. Eu non son submisa e tampouco colaboracionista".
A presidenta pontevedresa cre que no PP "non son capaces de entender" e recoméndalles que lean a Constitución.
Sobre as críticas vertidas engadiu que "se pode poñer o Partido Popular como queira, boca arriba, boca abaixo, bailar a muiñeira ou un pasodobre, que a presidenta da Deputación non vai responder a ningún dos insultos que profiren".
Carmela Silva asegurou que é insultada polos populares na Deputación de Pontevedra, no Parlamento, "fano os responsables a nivel galego" pero reitera que o lles vai a responder "porque non vou entrar nese debate tan daniño da linguaxe bélica en política". A presidenta provincial sinalou que "algúns deberían estudar o que pasou na década de 1940 en Europa" para saber "que dicían os políticos e en que acabou aquilo".
"Non vou contestar ás calumnias, mentiras, insidias e falsidades", agregou. "É unha cuestión de responsabilidade".
A mandataria socialista considera que coa súa maneira de facer política o PP "está a retratarse perfectamente" e enmarcou que esta dinámica irá "in crescendo" afectada pola próxima cita electoral das municipais de maio de 2019.
Carmela Silva pola súa banda afirma que seguirá "tranquila, serena, gobernando" e anuncia que este xoves presentará o orzamento da Deputación para 2019 e fará un balance dos recursos dedicados aos concellos por esta institución "e xa lles podo adiantar algo: somos a deputación de toda España que máis recursos transfire aos concellos".