Alertan do deplorable estado do colexio do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, alertou do "deplorable" estado das instalacións do colexio de Educación Infantil e Primaria Príncipe Felipe.
Piñeiro mostrou este martes en rolda de prensa numerosas imaxes coas deficiencias que presenta este centro educativo no que cursan estudos 85 nenos con idades comprendidas de 3 a 12 anos.
Entre outros danos citaron e mostraron imaxes de teitos e paredes que rezuman auga, instalacións eléctricas ao aire, cristais rotos nas xanelas, lousas a piques de caer, tubaxes "que rompen a cada momento", baños "impracticables", varandas oxidadas, pingueiras nos corredores ou presenza de ratas nos sotos.
"Non creo que haxa en toda Galicia un centro que teña a deterioración que ten o centro de primaria do Príncipe Felipe", comentou José Ramón Piñeiro.
Denuncian que esta situación é "perigosa" para os nenos que reciben clase neste centro do que é titular a Deputación de Pontevedra pero que foi cedido á Xunta de Galicia. "O mantemento a conservación e a vixilancia do centro son competencia da Deputación", sinalou o secretario comarcal de Comisións Obreiras.
José Ramón Piñeiro tampouco entende como a inspección educativa da consellería "mira para outro lado permitindo unha situación como esta". Neste sentido emprazan á deputada delegada desta área e á dirección da Cidade Infantil a que comproben o estado deste colexio.
O sindicalista ten claro que tanto a Deputación como a Xunta pretenden "que a situación vaia a máis coa intención de pechar este centro" polo que piden "responsabilidade" para que se solvente este problema.
Comisións Obreiras considera que, agora que a Deputación de Pontevedra vai aprobar o seu orzamento, "sería un bo momento" para que destinen recursos ao arranxo de todas estas deficiencias ás que suman os problemas coa calefacción que afectan a todos os edificios da Cidade Infantil.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras reprocha a lentitude coa que se están a solucionar os problemas no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide "menos palabrería" e solucións para o CEIP Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación tende a man á Xunta para mellorar o colexio Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Educación solicita á Deputación que arranxe o edificio do colexio Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |