Educación solicita á Deputación que arranxe o edificio do colexio Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, solicitou publicamente á Deputación de Pontevedra, propietaria do inmoble onde se atopa o CEIP Príncipe Felipe, que asuma os labores de mantemento e conservación que lle corresponden neste centro.
Desde Educación destacaron que, tras as críticas vertidas este martes polo sindicato Comisións Obreiras sobre as deficiencias neste edificio, un responsable da Unidade Técnica da Xefatura Territorial visitou este mércores o colexio, comprobando que a falta de mantemento é evidente, xa que hai varios cristais que deben ser repostos, existen filtracións que deben solucionarse e o chan do patio presenta danos que poden causar accidentes entre o alumnado do centro.
A maiores, engade Educación, tamén sería recomendable o cambio de carpintería exterior e interior para que o centro gañase en eficiencia enerxética, xa que se trata dun edificio con máis de 40 anos de existencia.
César Pérez Ares explicou que a comezos do presente curso o novo equipo directivo deu traslado ao director da Cidade infantil Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra, das referidas deficiencias, co obxectivo de que se puidesen subsanar ao longo dos próximos meses, sen que polo momento recibisen contestación.
Por outra banda, tamén aclarou que a Xefatura Territorial de Educación non recibiu nin a denuncia da situación por parte do sindicato CCOO nin a súa solicitude para manter unha reunión de cara a analizar a situación deste colexio.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras reprocha a lentitude coa que se están a solucionar os problemas no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide "menos palabrería" e solucións para o CEIP Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación tende a man á Xunta para mellorar o colexio Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Alertan do deplorable estado do colexio do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |