A Deputación tende a man á Xunta para mellorar o colexio Príncipe Felipe
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, da man da deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, instou este xoves á Consellería de Educación a evitar "conflitos estériles" e a "traballar en conxunto" para mellorar de forma integral o Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) existente dentro da cidade infantil.
Vilaverde explica que o CEIP Príncipe Felipe leva conveniado coa Xunta de Galicia desde hai 44 anos "sen producirse ningún contratempo entre ambas institucións", polo que manifestou a súa "sorpresa" polas declaracións do actual xefe territorial, César Peres Ares. Neste sentido, a deputada asegurou que a Deputación, tal e como lle corresponde, vai seguir atendendo as súas obrigas e traballando para dar resposta a todas as peticións do centro en canto ao mantemento.
Así mesmo, a responsable da cidade infantil tamén instou á Xunta de Galicia a "actuar na mesma dirección" e a abordar os necesarios investimentos no edificio do colexio no que ten que ver con novos equipamentos ou reposicións, cuestión de competencia autonómica, co fin de conseguir "unha mellora integral do CEIP Príncipe Felipe acorde coas súas necesidades".
Ante a polémica xerada, a deputada destacou que "existe constancia da situación degradada do edificio", achacando a situación a que "se trata dunha construción vella na que non se fixeron os investimentos necesarios durante moitos anos". Por este motivo, explica Vilaverde, a actual Deputación mantivo dende o primeiro momento contacto periódico coa equipa directiva escolar para coñecer necesidades e acometer as melloras de conservación que propuxeran.
"Mantemos unha relación cordial e unha comunicación fluída co equipo directivo, non en balde é o centro de primaria no que máis menores dos nosos centros de acollemento están matriculados e matriculadas", apunta a nacionalista, que subliña que dende a dirección non se transmitiu ningunha protesta como as publicadas por Comisións Obreiras.
A deputada destaca que "a comunicación tamén é moi correcta coa Inspección de Educación, que inmediatamente se desmarcou da denuncia feita por CC OO, totalmente manipulada e esaxerada".
De feito, Vilaverde confirmou que "non existe constancia de ningunha comunicación nin demanda no que vai de curso por parte da Inspección de Educación sobre deficiencias de mantemento".
Relacionadas:
-
A Deputación repara as fachadas do Centro Agarimo e do Centro de Educación Especial en Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras reprocha a lentitude coa que se están a solucionar os problemas no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras pide "menos palabrería" e solucións para o CEIP Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Educación solicita á Deputación que arranxe o edificio do colexio Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan do deplorable estado do colexio do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |