O PP ve "fóra de lugar" as críticas de Silva ao compromiso feminista de Pastor e Levy

Por Redacción
A portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Elena Muñoz, asegurou que as críticas ao compromiso feminista de Ana Pastor e Andrea Levy, realizadas onte pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, estiveron "fóra de lugar" e supoñen un "paso atrás" na loita contra a igualdade.
Muñoz entende que na defensa "real e efectiva" da igualdade "non hai lugar para a confrontación política" e tachou as declaracións de Silva como "unha vergoña".
"Que se estea cuestionando a dúas mulleres empoderadas, que destacan pola súa valía e compromiso, é intolerable e máis aínda cando o que buscan é o enfrontamento estéril", denunciou a deputada do PP, que lamentou que para a presidenta da Deputación "prevalezan as siglas políticas por encima da igualdade".
A igualdade, sinalou Elena Muñoz, "nin é legado de Carmela Silva nin do PSOE", polo que lle afeou que "reparta carnés de bos e malos defensores", en función das súas ideas políticas.
"Leccións de Carmela Silva non imos aceptar ningunha e aínda menos de igualdade", subliñou a deputada provincial do PP, que lamentou a "utilización" das mulleres por parte da presidenta, algo que cualifican como a "máxima expresión do machismo contra o que tanto loitamos".
Muñoz lembrou que o PP está "totalmente comprometido" coa igualdade "efectiva e real" entre homes e mulleres, realizando unha defensa "incuestionable" pero, a diferenza do PSOE dixo, "non nos publicitamos á conta dela".