Lores chama en París a combater as "cidades enfermas" co modelo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Reducir a contaminación que xera o tráfico e combater o cambio climático, entre outras medidas, a través da redución de emisións de CO2 é un dos grandes retos ao que se enfronta todo o mundo, especialmente as grandes cidades.
Non só é unha cuestión ambiental senón tamén de saúde. España gasta 3.600 millóns de euros ao ano para tratar enfermidades causadas pola polución urbana.
París, a este respecto, asumiu un papel activo para concienciar á sociedade e buscar solucións a este desafío global.
Así, a capital francesa acolle estes días o Forum Smart City 2018, un congreso que reúne expertos en urbanismo, empresarios, enxeñeiros urbanos, políticos ou intelectuais para debater sobre os novos modelos de cidades, ante as "ambiciosas" transformacións urbanas que deben asumir ou o impacto sobre elas da revolución dixital.
Para este movemento, ao que moitos describen como o camiño cara ao "carbono cero", Pontevedra foi convidada polos organizadores do foro para expoñer o seu modelo urbano, baseado nunha mobilidade amable e sustentable, na aposta polos desprazamentos peonís ou na recuperación dos espazos públicos para a cidadanía.
Miguel Anxo Fernández Lores participou na sesión inaugural deste congreso, celebrada no Salle des Fêtes, a sala máis impoñente de Concello de París, un salón nobre de estilo renacentista, con 50 metros de longo e 13 de alto, decorado con grandes arañas de cristal baccarat, cortinas de seda e coloridos frescos que representan as dezaseis provincias francesas.
Ante máis de trescentas persoas, o alcalde de Pontevedra sinalou que existe un sentimento "xeneralizado" de que as cidades están "profundamente enfermas" e que, ante este escenario, hai unha procura "case desesperada" de alternativas e solucións a este problema, ante un "clamor mundial" que esixe cidades "vivibles".
Esta enfermidade, segundo Fernández Lores, manifestouse coa expulsión das persoas das rúas e os espazos públicos, a contaminación acústica e aérea, a falta de autonomía en colectivos como a infancia, os maiores ou as persoas con mobilidade reducida ou a inseguridade urbana e as condicións de vida insanas.
"Sen un diagnóstico acertado, pouco tratamento podemos aplicar", sinalou o alcalde pontevedrés, que defendeu a filosofía do modelo da Boa Vila como "case universal" para todas as cidades, sexa cal for o seu tamaño, xa que entende que o espazo público "debe ser de todos" e expulsar aos cidadáns del é un "grave atentado" á igualdade de oportunidades.
Así, o rexedor explicou aos asistentes ao foro que Pontevedra optou por "construír unha cidade para as persoas", non só unha zona central ou comercial "senón a cidade no seu conxunto". Para iso, detallou como se reduciu o tráfico mecanizado ou se limitou a velocidade a 30, dúas medidas "esenciais" que se sumaron a un deseño urbano que aposta pola peonalización.
Ante o posible "pánico paralizante" que medidas deste tipo poidan provocar nos gobernantes ou nos cidadáns, Fernández Lores defendeu que ante a "enfermidade" das cidades as terapias "non sempre son agradables", aínda que reiterou que os resultados son "beneficiosos e gratificantes", xa que a calidade de vida dos seus habitantes "mellora cada día".
Tras esta intervención no Forum Smart City 2018, o alcalde de Pontevedra completará a súa primeira xornada en París cunha clase maxistral no Instituto de Administración de Empresas de París, unha escola pública de negocios que depende da Universidade da Sorbona, unha das máis prestixiosas de toda Europa.
REUNION CO VICEALCALDE DE PARÍS
Ademais, Fernández Lores foi recibido polo vicealcalde de París, Christophe Nadjdovski, que mostrou moito interese en como Pontevedra levou a cabo a súa transformación urbana. Nun momento no que a capital francesa busca reducir o tráfico no centro da cidade, o dirixente galo ha querido coñecer o proceso levado a cabo na Boa Vila.
Nadjdovski asegurou ser "plenamente consciente" de que Pontevedra, en materia de mobilidade e deseño urbano "avanzou moito". Neste sentido, mostrouse especialmente atento ás explicacións do alcalde pontevedrés sobre a maneira en que se transmitiu á cidadanía a necesidade deste cambio na cidade.
Estes contactos continuarán mañá mércores cunha reunión con máis membros do goberno municipal de París, entre elas, a concelleira de Innovación, Constance Parodi, e o director do gabinete da alcaldesa, Xavier Vuillaume.
Relacionadas:
-
Lores ofrece á alcaldesa de París os "séculos de sabedoría acumulada" dos canteiros galegos para rehabilitar Notre Dame
Por Redacción |
-
2018, o ano do 'boom' mediático da transformación urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
París quere "sabelo todo" de Pontevedra: "Se podo irei", asegura a alcaldesa
Por Alejandro Espiño |
-
Os ecos de Pontevedra resoan na Sorbona cunha 'masterclass' sobre a cidade
Por Alejandro Espiño |
-
París agarda a Pontevedra, a cidade que describen como lugar onde "o peón é o rei"
Por Alejandro Espiño |
-
Joan Clos, en Pontevedra: "La gente se vuelve más solidaria y empática si el espacio público está cuidado"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |