Medio Ambiente replanta o parque de Baltar
Por Redacción
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo comezou a plantación no parque de Baltar de 38 árbores en lugar dos 29 piñeiros que foran tallados.
Para esta tarefa utilizáronse 11 acer pseudoplatanus, 7 piñeiros, 2 liquidambar, 2 loureiros, 4 chopos, 2 acer negundo e 7 acer platanoide.
Segundo xustificaron desde esta concellería, algúns dos piñeiros situados no parque de Baltar presentaban numerosos problemas de conservación e seguridade, o cal supoñía un perigo para os usuarios da zona, parque infantil e área recreativa.
Nun informe de técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomendábase actuar con urxencia no parque público de Baltar, para evitar posibles danos ás persoas ou bens materiais, sobre todo ante a proximidade de datas na que aumentan os fenómenos meteorolóxicos adversos.
PUNTA VICAÑO
Outro informe do Servizo Estación Fitopatolóxica do Areeiro, pertencente á Deputación de Pontevedra, desaconsella a plantación nunha parte do Parque Vicaño, na que se produciu a morte de varios pés de árbores. Isto baséase nunha análise realizada do terreo nun laboratorio que confirmou a presenza de Phytophthora cinnamomi, un fungo capaz de colonizar as raíces absorbentes de especies leñosas e fronte ao que non existe un tratamento curativo, pero si preventivo.
O Concello está a aplicar un tratamento a esa zona para tentar lograr unha recuperación adecuada do espazo que permita a replantación. Para o resto do parque de Punta Vicaño, os técnicos da Concellería presentarán nos próximos días o proxecto de repoboación de especies, coa localización exacta das árbores que se instalarán.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo construirá un estanque de 80 metros en Punta Vicaño
Por Manu Otero |
-
A plantación de árbores en Punta Vicaño está a piques de terminar
Por Redacción |
-
Comezan a tallar os piñeiros en mal estado do parque de Baltar
Por Redacción |
-
Piden que o parque de Punta Vicaño sexa catalogado como Zona Protexida Forestal
Por Redacción |
-
24 plátanos do parque da Panadeira serán trasplantados e 30 piñeiros de Baltar serán tallados
Por Oskar Viéitez |