O PP critica a carencia de iluminación do Nadal nos barrios e parroquias
Por Redacción
O PP local de Pontevedra denunciou este venres a "discriminación" que fixo o goberno local ao barrio de Monte Porreiro, o máis poboado do municipio, na iluminación do Nadal deste 2018, pois tan só contabilizaron seis adornos en toda a urbanización.
A pesar de que recoñecen que este Nadal a iluminación tivo unha "notable melloría" con respecto á do ano pasado, os 'populares', a través do seu portavoz, Rafa Domínguez, lamentan o trato que seguen tendo os barrios e parroquias.
"Só as rúas Cobián Roffignac ou Michelena contan con máis iluminación do Nadal que todo o barrio de Monte Porreiro", critica Domínguez, que tamén detecta carencias noutros puntos do municipio como Campañó, onde a iluminación é "inexistente" ou o barrio de Os Praceres, no que "corre a cargo da comisión de festas".
"Gustaríanos que tamén se tivese en conta a todos os veciños do noso municipio", indica Domínguez, que non pide que se enchan todos os barrios e o rural de adornos do Nadal, pero si "un mínimo" de decoración festiva, "polo menos un motivo en cada zona".
Na súa opinión, a iluminación do Nadal é "só un reflexo máis da discriminación que exerce o BNG de Lores cos nosos veciños que viven nos barrios e nas parroquias", en alusión a que o goberno local nacionalista presidido por Miguel Anxo Fernández Lores continúa "acentuando as diferenzas entre pontevedreses de primeira e pontevedreses de segunda".
Relacionadas:
-
Unha rampla para público de todas as idades proxecta unha chea de actividades para este Nadal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra estrea iluminación para este Nadal entre paraugas
Por Redacción |
-
A árbore de Nadal da Ferrería ten moi boa pinta
Por Oskar Viéitez |
-
Zona Monumental inviste preto de 17.000 euros na iluminación do centro histórico
Por Redacción |