Sobral propón a Louzán pagar en dúas anualidades a mellora da estrada de Campelo
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, recibiu este martes no seu despacho do Pazo Provincial ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, con quen abordou a necesaria mellora da estrada de Campelo, que ambolos dous consideran unha obra "moi urxente e necesaria".
O proxecto das obras, que afectarán a un treito de uns 1,6 quilómetros, entre o núcleo urbano de Campelo e o Centro de Saúde de Anafáns, suporá un investimento de 1,7 millóns de euros e executarase ao abeiro dun convenio entre Concello e Deputación.
Nestes momentos, para pechar o convenio está pendente que o concello negocie cos propietarios a cesión de todos os terreos afectados ao longo do máis de quilómetro e medio de estrada que se pretende reformar, así como a determinación da contía que está en disposición de achegar para o financiamento dos traballos.
Luciano Sobral plantexoulle a posibilidade de financiar o convenio estimado en dúas anualidades debido a que o Concello ten que facer fronte este ano aos gastos das obras de Aquanorte e coa Xunta no saneamento de San Martiño.