A rúa José del Río será transferida ao Concello de Marín tras a súa reforma
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo este venres á rúa José del Río en Marín de exemplo de como a administración provincial mellora as súas estradas situadas en núcleos urbanos.
Carmela Silva acompañado polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e a alcaldesa María Ramallo, inauguraron a reurbanización da vía tras un investimento de máis de 240.000 euros e varios meses de obras.
Silva sinalou que a mellora "radical" en José del Río é o froito das reunións de traballo entre o delegado de Mobilidade e a rexedora de Marín, xa que a Deputación planificou todas as actuacións na súa rede provincial de estradas baseándose no principio da autonomía local, sendo a alcaldesa a que decidiu o que era prioritario, agradecéndolle a súa colaboración.
Benítez destacou tamén que un dos obxectivos da reforma foi o aumento da seguridade viaria a través do calmado do tráfico, con pasos de peóns sobreelevados e a instalación dunha zona 30, para que "este espazo público sexa máis humano, para as persoas, e que as veciñas e veciños de Marín poidan gozalo".
Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo destacou que o proxecto foi ambicioso, xa que se renovaron todos os servizos, concluíndo que a rúa "quedou estupendamente" e que "hoxe é día para dar as grazas pola colaboración institucional dende a Deputación de Pontevedra", xa que dende que se plantexou o convenio houbo posibilidade de levalo adiante porque "a colaboración do deputado foi total e o resultado está aí".