Transportistas ameazan con non servir madeira a ENCE por non traballar co camioneiro que atacou dous ciclistas
Por Redacción
A Plataforma de Transportistas para a Defensa do Transporte de Madeira en Galicia e Asturias e a empresa Ence evidenciaron este sábado as súas discrepancias en relación coa forma coa que a empresa pasteira afrontou o incidente no que un transportista atacou cun martelo a dous ciclistas no acceso á fábrica de Lourizán. Mentres o colectivo profesional advertiu que parará a subministración de madeira en Pontevedra e Navia (Asturias), a empresa reafírmase en que non permitirá comportamentos incívicos.
As desavinzas chegaron por mor da decisión de Ence de cortar a súa relación laboral co camioneiro que protagonizou o incidente o pasado mes de outubro e xa o 4 de decembro as dúas partes mantiveron unha reunión na que os transportistas pediron á empresa que rectificase na súa decisión de non seguir contando cos seus servizos e acusárona de "dificultar o desempeño profesional" do citado traballador.
Respecto diso, a empresa insiste en que a agresión "non se pode xustificar de ningún modo, e constitúe un comportamento que a compañía rexeita firmemente" e indica que se trata dunha persoa reincidente, que xa agrediu a un empregado de Ence en 2015 e estivo por iso sancionado un mes. Ante tal situación, a compañía sinala que "non se pode permitir o risco de que outro feito similar relacionado coa actividade da empresa volva suceder".
Ademais, lembra que Ence non contratou directamente os servizos do transportista e a compañía non impide que traballe para outras empresas, sendo o único condicionante que non acceda ás instalacións da compañía. Neste sentido, indican que é da máxima importancia que a súa actividade empresarial non prexudique nin supoña risco para os afeccionados ao ciclismo, polo que esixe que todos os transportistas que colaboren coa empresa respecten estritamente as normas de circulación e mostren unha máxima atención aos ciclistas.
A plataforma considera que o cesamento da súa relación laboral é "unha medida excesiva" e entende que o altercado "nada ten que ver nin co cargador nin co destinatario" porque se produciu na vía pública". Remarca, ademais, que foi "provocado precisamente polos que agora din ser vítimas".
A formulación da plataforma de transportistas supón, en opinión de Ence, defender "actitudes que van contra os valores cívicos, as boas prácticas e a ética no aprovisionamento de madeira ás nosas biofábricas"
A maiores, o colectivo profesional fai referencia a "condicións de inseguridade" que sufrirían os profesionais do transporte de madeira nas sedes de Ence en Pontevedra e Navia e pídenlle que adopte medidas "para asegurar que as entregas da madeira se poidan efectuar en condicións de seguridade".
Relacionadas:
-
O camioneiro admite que agrediu a dous ciclistas a marteladas diente de Ence e indemnizaraos con 16.000 euros
Por Oskar Viéitez |
-
Acusan de ameazas, lesións e danos o camioneiro que atacou dous ciclistas ao berro de "ven aquí que te mato, cabrón"
Por Natalia Puga |
-
Os transportistas cifran no 90% o seguimento do paro indefinido de subministracións de madeira a ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Ence sinala que se rexistra entrada de madeira con normalidade malia a folga de transportistas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ence mantén o seu rexeitamento para traballar co camioneiro que agrediu a dous ciclistas
Por Redacción |
-
Pedaladas quere que Ence abra unha vía de servizo para acceso de camións na PO-11 entre Marín e Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Versións contraditorias marcan a investigación sobre a orixe do incidente entre un camioneiro e dous ciclistas
Por Natalia Puga & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- Identifican un camioneiro que atacou cun martelo a dous ciclistas no acceso a ENCE ao berro de "te mato"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada