Acondicionan o acceso ao aparcadoiro disuasorio detrás do Novo Templo de Sanxenxo
Por Redacción
Con motivo das obras da Rúa Progreso habilitáronse unha serie de aparcadoiros disuasorios para facilitar o estacionamento de veciños, comerciantes e visitantes.
Un destes aparcadoiros, é o situado detrás do Novo Templo de Sanxenxo, ao que ata agora soamente podíase acceder pola zona da Florida. Esta semana, a empresa adxudicataria da obra, COVSA, encargarase de habilitar un novo acceso a este aparcadoiro pola Rúa Constitución, unha rúa que actualmente non ten saída.
Con este novo acceso, esta rúa quedará dun só sentido, podendo acceder ao aparcadoiro por este viario e saíndo do mesmo pola zona da Florida.
Ademais, esta chaira estará conectada con outro aparcadoiro disuasorio situado na zona do Tombo, detrás da escola infantil municipal, por un viario que a propia empresa está a acondicionar tamén.
CASA DE DON FERNANDO
Esta semana serán licitadas as obras de mellora da casa de Don Fernando, valoradas en 134.000 euros. O goberno local quere levar a cabo unha actuación para mellorar as instalacións co obxectivo de darlle un impulso a utilización deste espazo e destinala principalmente aos mozos.
Para isto, redactouse un proxecto, que será subvencionado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que permita adecuar as instalacións á normativa de accesibilidade vixente.
Tanto o edificio principal como a parcela na que se atopa non reúnen as condicións de acceso a persoas con mobilidade reducida. Para emendalo redactouse un proxecto que suprimirá as barreiras arquitectónicas e de comunicación e construirase un aseo accesible.
A casa de Don Fernando, construída en 1900, atópase nunha leira cunha superficie de 800 metros cadrados. Aínda que na actualidade atópase en bo estado, fanse necesarias estas melloras para a súa un bo acondicionamento dos espazos que permita un uso diario do local.