Carmela Silva visita na Illa de Arousa as obras de reforma das casas modernistas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias Cores, e o deputado de Cooperación, Carlos Font, visitou este luns as obras de rehabilitación e reforma da casas modernistas e da súa contorna.
As obras consisten na rehabilitación e reforma das casas nº1, nº3 e nº5, sendo esta última coñecida como "Casa Godoy". Así mesmo, rehabilitarase a súa contorna, o xardín adxacente á casa nº5, as antigas naves de salga e o almacén. Amais, cada unha das edificacións terá un uso diferente: na vivenda nº1 crearase un espazo polivalente para asociacións culturais que poderá converterse nunha sala de exposicións, de conferencias ou de clases; a vivenda nº3 habilitarase para ser usada por un club de persoas xubiladas; e, finalmente, a "Casa Godoy" converterase en biblioteca pública.
Trátase dunha obra moi esperada pola veciñanza que conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Do total, a Deputación achega 1,5 millóns de euros ao través do Plan de Reequilibrio e preto dun millón (932.103,69 euros) mediante o Plan Concellos 2017, 2018 e 2019. Os restantes 167.896,31 euros invísteos o Concello con fondos propios.
A presidenta da Deputación felicitou ao Goberno local, "que mantivo o soño e a idea deste proxecto, sen renunciar nunca a el, a pesares de que a Xunta de Galicia decidiu abandonar o financiamento desta obra".
O alcalde subliñou que "é un día histórico para a Illa. É un proxecto que levamos desenvolvendo moitísimos anos e co que pechamos a rehabilitación de todo un espazo que tamén comprende a Casa do Concello, o Museo da Conserva, o peirao, o auditorio e a reforma das tres casas modernistas".