A Xunta asegura que "nunca" houbo toxina no encoro do Umia
Por Redacción
En contra das denuncias realizadas por distintos colectivos, a Xunta de Galicia asegura que "nunca se detectou a presenza de toxina" no encoro do Umia en Caldas de Reis, o que significa que nunca existiu risco para a saúde da poboación que se nutre desta presa.
Así o trasladou a Xunta ao alcalde e os voceiros municipais de Caldas durante unha xuntanza de traballo mantida este mércores na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra. Por parte da Administración autonómica acudiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
A Xunta recoñece os episodios de aparición das cianobacterias no encoro, pero insiste en que nunca xeneraron toxinas en Caldas e engade que esas substancias reciben o tratamento axeitado nas catro potabilizadoras da zona, de maneira que a calidade do abastecemento está plenamente asegurada.
A conselleira apuntou que a presenza episódica de cianobacterias é común a todos os encoros e, de feito, os niveis rexistrados en Caldas foron sempre inferiores aos do resto de encoros de Galicia. En todo caso, sinalou que as últimas mostras apuntan cara á superación do episodio de cianobacterias aparecido o pasado verán no encoro da Baxe.
Durante o encontro, a Xunta trasladou aos representantes municipais o seu compromiso de que continuará a traballar en medidas para minorar a aparición das cianobacterias e acordou co Concello optimizar os niveis de auga no encoro durante o verán coa fin de tratar de minimizar a súa presenza.
As responsables autonómicas trasladaron aos asistentes que o seguimento de proliferación de cianobacterias se realiza tanto no encoro de Caldas (con dous puntos de mostraxe, un deles na presa e outro na cola) como nas captacións que existen augas abaixo: Segade, Rabuñade, Ponte Baión e Ponte Arnelas. Engadiron que as estacións potabilizadoras asociadas a estas captacións están preparadas para tratar a auga con presencia de cianobacterias.
Nun comunicado emitido despois da reunión, a Xunta tildou de "lamentable" a actitude mantida polo voceiro do BNG no Concello de Caldas, pois asegura que "simplemente achegou insultos, faltas de respecto e mesmo ataques á integridade profesional" dos funcionarios de Augas de Galicia e dos demais departamentos da Xunta responsables dos estudos técnicos do encoro do Umia.
Cabe lembrar que o BNG de Caldas denunciou nos últimos días que o Umia leva xa máis de medio ano en alerta, "completamente contaminado" pola presenza de cianobacterias mentres a Xunta de Galiza "sigue sen tomar absolutamente ningunha medida" e "desprezando" a saúde dos caldenses.
Ademais, criticou que fora Ethel Vázquez a presente na reunión cos portavoces municipais "ante a ausencia continuada" do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "segue a ocultarse como presidente da Xunta 6 meses despois de que o comité de crise pedise reunirse con el".
Relacionadas:
-
Rozan e limpan de maleza o perímetro do encoro da Baxe
Por Redacción |
-
O BNG pide a dimisión da conselleira Ethel Vázquez "por mentir e insultar a intelixencia de todos os caldenses"
Por Oskar Viéitez |
-
Luis Bará, deputado do BNG: "O PP e Vox son a mesma cousa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O BNG denunciará ante a Unión Europea o estado do encoro do Umia
Por Redacción |
-
A eurodeputada Ana Miranda leva ao Parlamento Europeo a contaminación do encoro do río Umia
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis e Moraña solicitaron a Augas de Galicia a limpeza do río Umia nas zonas expropiadas polo encoro
Por Oskar Viéitez |
-
Mensaxe de tranquilidade da Xunta polo estado do río Umia e o seu encoro
Por Redacción |
-
Gonzalo Caballero reclama a Feijóo un proxecto "integral" para o canal e o encoro do Umia
Por Redacción |
-
O BNG demanda garantías á Xunta sobre a auga de consumo das comarcas de Caldas e o Salnés
Por Redacción |