As institucións de Pontevedra, de verde polo Día Mundial contra o Cancro
Por Redacción
Un ano máis, as fachadas do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra tinguíronse de verde, cor que simboliza esta enfermidade, para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro, que se celebraba este luns 4 de febreiro.
Deste xeito, súmanse ás iniciativas que dende a Asociación Española Contra o Cancro están a desenvolver tanto para impulsar que as persoas con cancro e as súas familias reciban atención psicolóxica de calidade durante todas as fases da enfermidade, como para concienciar á sociedade sobre o impacto emocional que deriva dun diagnóstico de cancro.
O Día Mundial contra o Cancro foi establecido no ano 2000 pola Organización Mundial da Saúde, o Centro de Investigación sobre o Cancro e a Unión Internacional contra o Cancro para fomentar e fortalecer todas as medidas destinadas á redución da presenza do cancro no mundo.
Segundo estes organismos o cancro non é soamente un problema de saúde, xa que ten altas implicacións sociais, económicas e de desenvolvemento. Por ese motivo este ano, como novidade, lánzase a campaña mundial trianual "I am and I will" (Eu son e vou a ser) que se estenderá entre o 2019 e o 2021 para conseguir un maior impacto e concienciación social.