A AECC saca á luz o impacto psicolóxico do cancro nos pacientes e as súas familias e reivindica maior atención profesional
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Non quero que me vexan como unha persoa enferma. Como me comporto coa miña familia e amigos? Teño que dicilo no traballo?". É unha pregunta lóxica que xorde a calquera persoa que acaba de ser diagnosticada dun cancro e este luns, con motivo do Día Mundial do Cancro, saía a calquera cidadán que se achegase ata a mesa informativa situada na praza de Ourense de Pontevedra e pedise un dos 'rascas' habilitados pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Cada un recolle unha mensaxe diferente con esas distintas emocións ás que se enfronta un paciente.
Este ano, a asociación decidiu centrar o Día Mundial a "resaltar a importancia da atención psicolóxica tanto para oos pacientes como para as súas familias" e, para iso, habilitou unha mesa informativa con estes 'rascas', unha exposición con testemuños do impacto psicolóxico que ten a enfermidade en pacientes e familiares e un mural para que todo cidadán que se achegase deixase unha mensaxe de apoio.
Rebeca Castro, psicóloga da AECC en Pontevedra explicou que os familiares se poden considerar pacientes secundarios porque "dalgunha maneira están afectados tamén" e "sobre todo a nivel emocional, están tan afectados como propios pacientes", por iso é polo que coa súa iniciativa deste ano quixeron visibilizalos tamén a eles.
A asociación presentou este luns un estudo do Observatorio do Cancro da AECC sobre a atención psicolóxica a pacientes de cancro e familiares en España, que conclúe que en España, o 94% das comunidades autónomas ou non ofrece tratamento psicolóxico especializado a pacientes e familiares ou é insuficiente. No 30% dos casos, as persoas afectadas desenvolven algún tipo de trastorno psicopatolóxico que necesitaría tratamento especializado, de modo que se calcula que actualmente hai preto de 236.000 persoas españolas afectadas pola enfermidade que necesitarían este tipo de tratamento especializado.
Calcúlase que en Galicia hai aproximadamente 16.341 persoas afectadas por cancro que necesitarían tratamento psicolóxico personalizado, das que 5.226 son de Pontevedra. Durante 2018, a AECC prestou atención psicolóxica a 1.114 persoas en Pontevedra.
A situación real que reflicte o estudo é que a asociación tan só atendeu ao 13% do total de persoas afectadas que necesitan tratamento psicolóxico especializado e o 87% restante, ou non o recibiron ou foi de maneira insuficiente. Á vista dos resultados do Observatorio, conclúen que é necesario que as persoas afectadas polo cancro teñan cubertas as súas necesidades de atención psicolóxica e que o sistema sanitario o garanta.
"Queremos buscar ese compromiso dos organismos nacionais para que reforcen ese servizo", explica Rebeca Castro, á vez que reivindica que se coñeza o servizo de atención psicolóxica que dá a asociación, que pacientes e familiares saiban "que estamos aquí, que poden recorrer a nós se o necesitan" e que o persoal sanitario tamén sexa consciente do seu traballo e deriven a eles aos pacientes se no seu centro non hai esa atención.
Segundo explicou esta especialista, na exposición instalada na praza de Ourense búscase dar a opción á cidadanía que descubran as distintas "emocións que están detrás de todos eses pacientes e familiares que lle tocou vivir esta enfermidade", que van desde o medo á ansiedade, a depresión, o insomnio, a tristeza ou a "sensación constante de ameaza á propia integridade" no caso dos pacientes e "o medo a perder a esa persoa" no caso dos familiares.
En xeral, tamén detectan o impacto a nivel psicolóxico da canseira que moitas veces se acumula co coidado, cos tratamentos tan longos, pois "ao final desestrutura un pouco as rutinas, moito a vida" e require de moita atención e apoio.
Relacionadas:
-
O Concello de Bueu e a AECC poñen en marcha a Semana da Froita
Por Redacción |
-
As institucións de Pontevedra, de verde polo Día Mundial contra o Cancro
Por Redacción |
-
Multitudinaria marcha contra o cancro en Pontevedra
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Unha marea verde alagará Pontevedra na segunda marcha "Andar e correr" da AECC
Por Diego Espiño |
-
A asociación contra o cancro de Pontevedra pecha 2017 con 3.109 persoas atendidas e 136.448 euros en investigación
Por Oskar Viéitez |