O camiño de uso peonil na parroquia de Lamas vai pavimentarse nos vindeiros días
Por Redacción
O Concello de Moraña acomete a primeira mellora viaria neste ano coa pavimentación e ampliación dun camiño de uso peonil entre Chaián de Abaixo e os lugares de Silvoso e O Souto, todos elas na parroquia de Lamas.
Esta actuación ten como obxectivo a conexión a pé desde a aldea ao resto da contorna e o casco urbano de Santa Lucía, coa idea de que aforren tempo aos seus usuarios, que deberían desprazarse case ata o límite con Cuntis para coller a marxe da estrada PO-226.
Estas obras acométense desde Chaián de Abaixo ata as zonas próximas ao Pazo da Toxeiriña. Execútanse pequenos desmontes de terra para correxir a súa anchura e a instalación de entubaxes de augas nunha zona para as escorrentías. Vai fortalecerse o firme e facilitar o tránsito peonil.
A alcaldesa Luisa Piñeiro desprazábase este mércores ata as obras para examinar como se están a desenvolver os traballos e agarda que estean rematados nos vindeiros días.
Desde o equipo de goberno sinalan que estas obras dependen en moitos casos da meteoroloxía. Piñeiro afirma que este ano agarda investir unha cifra similar aos 809.000 euros que se destinaron durante 2018 para melloras en viais.