Os comuneiros de Mourente ofrecen ceder a Sanidade os terreos de Montecelo "por un módico canon"
Por Alejandro Espiño
Un "módico" canon a modo de aluguer anual que "compense" os cartos que tiveron que gastar nos xulgados pola "soberbia" e a "torpeza" das administracións. É o que lle reclamará a comunidade de montes de Mourente á Consellería de Sanidade polos terreos nos que se sitúa o hospital de Montecelo.
É así porque transcorridos os prazos legais xa é firme a sentenza do Tribunal Supremo que concede a titularidade dos terreos aos comuneiros, tras rexeitar o recurso da Seguridade Social e non haber posibilidade de revogar esta decisión xudicial.
Esta decisión, segundo a comunidade de montes, supón o recoñecemento "final e definitivo" da súa titularidade sobre os actuais terreos do hospital.
Deste xeito os comuneiros solicitan da Consellaría de Sanidade a apertura da negociación dun acordo para a cesión deses terreos como parte do Gran Montecelo, coa mesma duración que a prevista para este proxecto e mediante o pagamento dun canon anual que sexa "aceptable" polas dúas partes.
Mourente recorda que en 2014 ofreceu unha cesión gratuíta dos terreos ás administracións públicas como parte dun acordo no que estas debían recoñecer a titularidade veciñal do monte Montecelo. Este acordo pretendía evitar que a comunidade de montes tivera que recorrer aos tribunais para ver recoñecido o dereito á titularidade.
Ese ofrecemento, engaden, foi ignorado polas administracións públicas implicadas, forzando á comunidade de montes a acudir aos tribunais, obrigándolles a gastar en avogados, procuradores e técnicos uns recursos que precisaba para a xestión e o coidado do monte.
Este canon a negociar coa Xunta de Galicia sería moi inferior ao custo das expropiacións que terán que acometerse dos terreos privados e contribuirá, apuntan desde os comuneiros, ao mantemento do monte veciñal de Mourente ao servizo de todos os pontevedreses, pois os estatutos da entidade prohiben o reparto de diñeiro entre os membros da comunidade.
Neste contexto, Mourente considera cumprido o obxectivo de recuperar a titularidade deses terreos comunais, polo que rexeita calquera medida que supoña a perda desa titularidade acabada de recuperar.
Así, opoñerase a calquera expropiación que converta en públicos os terreos veciñais para nun futuro seren privatizados e tampouco contempla a posibilidade da cesión permanente e indefinida, porque quedaría sen efecto a recuperada titularidade e deixaría en mans dos "políticos de turno" un poder de disposición dos terreos que na práctica sería ilimitado.
Relacionadas:
-
Os comuneiros de Mourente, confiados en pechar un acordo polo canon dos terreos de Montecelo "nos próximos días"
Por Diego Espiño |
-
Os comuneiros de Mourente acusan ao Sergas de actuar como un "okupa" nos terreos veciñais
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente reclaman á Xunta a apertura urxente de negociacións sobre os terreos de Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Ultimato dos comuneiros ao Sergas: dánlle un mes de prazo para negociar por Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade aproba expropiar cinco vivendas para construír o Gran Montecelo
Por Redacción |
-
Sanidade negociará cos comuneiros de Mourente polos terreos de Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
A Audiencia ratifica que os terreos de Montecelo son da comunidade de montes
Por Alejandro Espiño |