O pleno aproba que o Concello ofreza cobertura xurídica á plataforma de persoas afectadas pola A-57
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O pleno deste venres 8 comezaba coa petición do voceiro dos veciños de Xeve-Bora, Gonzalo Arís, para intervir como representante das persoas afectadas pola construción da A-57 no tramo entre A Ermida e Pilarteiros. O secretario da corporación indicaba que non se realizaran os trámites necesarios para intervir e o alcalde rexeitaba que Arís tomase a palabra malia a súa insistencia, en pé, desde a segunda ringleira das butacas do Teatro Principal. Fernández Lores chegou a dicirlle "faga o favor de calar a boca" e lembroulle o seu pasado como alcalde en Marín, mentres que o afectado dicía que el si permitía que os veciños falaran nas sesións plenarias.
O Partido Popular, a través de Rafa Domínguez, criticou que o alcalde non dera a palabra ao público neste punto e tanto esta agrupación como Marea Pontevedra se abstiveron na votación do informe municipal sobre o impacto ambiental dese tramo da Autovía A-57. Foi aprobado cos votos do BNG, do PSOE e de Ciudadanos.
Pero o pleno tamén debatía unha moción presentada por Marea Pontevedra instando a ofrecer asesoramento técnico e cobertura xurídica coas persoas afectadas por ese trazado da autovía no territorio municipal. Este punto foi aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación na corporación pero tamén deu pé a debate entre as distintas forzas.
Luis Rei, portavoz de Marea Pontevedra, lamentou o exceso de celo no control de acceso coas persoas da plataforma que se achegaron ao Teatro Principal durante esta mañá e criticou tamén que o alcalde impedira a intervención de Arís e mandara calar a boca ao presidente da plataforma veciñal de Xeve e Bora. Rei indicou que o investimento total para esta obra superará os mil millóns de euros, unha cifra que, ao seu entender, permitiría rescatar a autoestrada do Atlántico entre Pontevedra e Vigo e convertela en gratuíta. Lamentaba que neste proxecto non se contemple o impacto sobre a vivenda nin sobre o planeamento dos núcleos rurais. O portavoz de Marea Pontevedra lamentou que os afectados teñan que recorrer á vía xudicial, que suporá máis de 6.000 euros de gastos por persoa.
Rafa Domínguez, do Partido Popular, malia apoiar a moción criticou que o grupo da Marea poida apoiar os orzamentos do Partido Socialista, que contemplan a realización desta obra. Tamén laiábase polo cambio de actitude do BNG a quen lle atacou indicando que en 2003 rexeitaba o mesmo trazado que agora apoia. César Mosquera, concelleiro do BNG, respondía que os populares xogaban coa demagoxia.
Luis Rei, na quenda de réplica indicou que o Partido Popular realizaba unha profecía cando falaba do apoio do seu grupo aos orzamentos xerais do Estado e culpaba o PP, PSOE e BNG de acoitelar o rural pontevedrés con esta infraestrutura.
Unha vez aprobada pola corporación esta moción, os afectados que asistiron ao pleno aplaudiron e abandonaron a sala.
Relacionadas:
-
As obras da autovía A-57 na Fracha aínda non chegaron á cuarta parte
Por Oskar Viéitez |
-
Maduro, Guaidó, Felipe González, Guerra, Otegui, Casado e Rajoy, citados nun pleno denso
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Marea pide ao Concello asesoría técnica e cobertura xurídica para os afectados pola A-57
Por Redacción |
-
Marea presentará unha queixa polas trabas para presentar alegacións contra a A-57
Por Redacción |
-
Veciños de Xeve e Bora colapsan os rexistros coas súas alegacións contra a A-57
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |