Lores e Louro únense contra a Deputación polo Museo: "ÿ un atentado contra a nosa cultura"
Por Alejandro Espiño
"Un atentado contra a institución senlleira da cultura pontevedresa", segundo Miguel Fernández Lores. Para Antón Louro, é "susbtituir a intelixencia e a cultura pola barbarie". O goberno local de Pontevedra pecha filas contra os plans da Deputación para disolver o Patronato do Museo de Pontevedra. Un cambio de xestión, di o alcalde, que se aplicará "en contra do sentir maioritario da cidadanía e dos sectores implicados coa cultura".
"Manifesto o meu disgusto", explicou o alcalde de Pontevedra, quen recordou que o Museo, "fundouse nos anos 20 como expresión dunha Pontevedra na que había unha grande sensibilidade pola cultura e unha dereita moito máis culta e ilustrada". O Museo, dixo Fernández Lores, como o museo provincial máis importante do Estado, "debe contar cun padroado que aúne as diferentes sensibilidades culturais".
Miguel Fernández Lores fixo un chamamento á sociedade pontevedresa "e aos que queren ao Museo" para que defendan a existencia do Patronato "por riba de intereses partidistas". Anunciou ademais que reiterará a petición de entrevista, "que non foi concedida non seu día", ao presidente da Deputación, ao que acusou de que "non tivo nin a mínima deferencia e delicadeza de convocar ao padroado e explicarnos esta decisión".
"A ver se ten un oco na axenda e escoita as nosas xustas demandas", explicou Fernández Lores, que dixo que, en todo caso, "seguiremos loitando para defender as función para as que foi creado o Museo". Neste sentido, tras recoñecer a importancia da Deputación no seu financiamento, afirmou que "o concepto dun padroado participado por todos é fundamental para que siga sendo unha institución senlleira".
Na mesma liña, o voceiro do PSOE no Concello de Pontevedra, Antón Louro, denunciou que, tal e como sospeitaba, "as ideas fundacionais do Museo son saboteadas polo propio presidente da Deputación". Recorda que os seus fundadores "vían ao Museo como un dous instrumentos máis potentes para difundir e proxectar a imaxe do país e deixará de facelo para poñerse ás ordes políticas de Louzán".
A disolución do patronato do Museo supón tamén, segundo Louro, "non oír á cidadanía, que se teñen manifestado e presentado alegacións e mostraron a súa preocupación polo futuro do Museo". Desde o PSOE insisten en que se aplique un modelo de xestión que respecte a autonomía da institución, de forma que estea "alonxada da política".
"Pontevedra é unha vila pequena, pero dentro das paredes do Museo está a alma dunha terra, dun país e esa alma non pode sentirse agredida nin limitada por directrices políticas", concluíu Louro, quen asegurou sentirse "indignado e preocupado" ante este asunto, "porque estamos dando pasos na dirección contraria ao que ten que ser o Museo de Pontevedra".