A Deputación e o Cabildo de Fuerteventura intercambian as súas experiencias sobre mobilidade amable
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Cabildo de Fuerteventura intercambiaron este martes experiencias sobre o seu traballo en materia de "Mobilidade Amable". O vicepresidente César Mosquera e mais o deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuníronse co presidente Marcial Morales e coa conselleira de Obras Públicas Edilia Pérez nun encontro técnico no marco das xornadas de formación do proxecto "Cidade das nenas e dos nenos" de Francesco Tonucci que se está a celebrar na illa canaria.
Os responsables "majoreros" mostráronse moi interesados polo liderado da Deputación de Pontevedra como impulsora dunha rede de "vilas Tonucci" na provincia de Pontevedra, así como polas subvencións provinciais aos concellos adheridos para realizar camiños escolares e promover a recuperación do espazo público á medida dos nenos e as nenas, "unha medida que vale para todos os demais".
Coñeceron tamén a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable editada pola Deputación e considerouna de valía e de guía para desenvolver proxectos en Fuerteventura, unha illa dedicada fundamentalmente ao turismo que quere tamén traballar a prol da súa infancia recuperando espazos.
A participación da Deputación nas xornadas de formación será este mércores pola mañá un dos momentos máis agardados do día no Pazo de Congresos de Puerto del Rosario, coa intervención do vicepresidente Mosquera e do asesor de Mobilidade Jesús Fole, que explicarán ao persoal técnico, educativo e social de ducias de concellos de todas as illas canarias en que consiste o "modelo Pontevedra" e como se estendeu pola provincia galega.
A cidade de Pontevedra tamén terá voz propia este mércores. A tenente de alcalde Carme da Silva, levará a este foro o modelo da Boa Vila, que ten entre os seus inspiradores ao propio Tonucci.