Marín quere reducir a cantidade de impropios que se depositan no contedor de reciclaxe de plástico
Por Redacción
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mantiña un encontro co representante da empresa Recolte, adxudicataria do contrato de limpeza do Concello de Marín. A empresa manterá en próximas datas reunións coas asociacións veciñais para explicar e concienciar sobre a reciclaxe e mellorar as prácticas.
A intención que se propoñen tanto desde o goberno local como desde Recolte é reducir a cantidade de materiais impropios que actualmente se depositan no contedor amarelo, correspondente aos envases plásticos. Ademais, van organizar charlas nos centros educativos.
Nestes encontros explicarase que material debe introducirse en cada contedor de reciclaxe, os beneficios que achega realizar unha selección do lixo e tamén se emitirán uns vídeos de concienciación á cidadanía.
Aqueles particulares, asociacións e colexios que queiran asistir a estas charlas ou a concertar unha propia pode solicitalo a través do teléfono da empresa Recolte: 900 102 580.