Absolven un recluso da Lama ao que a Fiscalía acusaba de traficar dentro da prisión
Por Oskar Viéitez
O interno o centro penitenciario da Lama, Manuel G.R. foi absolto pola Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra dun delito contra a saúde pública.
A Manuel G.R. encontráronlle a droga durante un cacheo realizado tras participar nun encontro vis a vis coa súa familia.
Durante o xuízo, o fiscal modificou as súas conclusións provisionais e reduciu a pena que solicitaba para o procesado por ser as substancias que lle interviñeron no cacheo de pouca gravidade. Así, pasou de pedir ao tribunal que o condenase a sete anos de prisión e o pagamento dunha multa de 1.800 euros a solicitar tres anos e un día sen liberdade e unha multa de 600 euros.
Pola súa banda el recoñeceu durante o xuízo que levaba enriba o paquete coa droga, pero explicou que non era seu, senón que llo pasara tan só un instante antes outro interno co que compartía módulo en prisión e que participara ese día tamén nun vis a vis coa súa muller.
Na súa sentenza a Sala entende que procede a libre absolución xa que "non pode sosterse" que a substancia intervida en poder do acusado "fose da súa propiedade nin que a portase o acusado coa intención de destinala ao tráfico".
Aínda que o acusado non puido acreditar fehacientemente a realidade das súas manifestacións en relación á verdadeira titularidade das substancias aprehendidas "dada a imposibilidade do visionado das gravacións e a negativa da persoa a quen por este se lle atribúe a titularidade", o tribunal dá crédito a "a contundencia das súas afirmacións, negando a pertenza do paquete achado" xunto á súa "inexistente relación coas drogas ", extremo este que confirman os funcionarios de prisións que manifestaron durante o xuízo que nunca lle viron "colocado" e que non lles constaba nin crían que "trapichease".
En suma, o tribunal, considera "insuficiente" os datos dos que dispón para condenar o acusado por un delito contra a saúde pública polo que se lle acusa polo Ministerio Fiscal.
En virtude dos principios de presunción de inocencia e " in dubio pro reo" o Tribunal "procede ditar sentenza absolutoria".