A empresa pontevedresa Faro solicita concurso de acredores
Por Oskar Viéitez
A empresa pontevedresa Faro Fomento de Áridos e Obras SL comunicou os seus clientes e provedores que entra en proceso concursal.
Como administrador do concurso da firma foi designado, Alberto García-Pombo, quen coma unha das súas primeiras medidas puxo en coñecemento dos acredores que o xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra declarou o concurso voluntario.
Faro SL conserva as facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio.
O administrador está a reclamar aos acredores que remitan "no prazo máis breve posible", a documentación acreditativa do importe ao cal ascende o crédito que estes ostentan fronte a Fomento de Áridos e Obras SL.
Faro é unha empresa dedicada á extracción, fabricación e comercialización de áridos para a construción e obras públicas así como a realización de actividades de construción, obra civil ou movemento de terras, entre outras.
Foi fundada en 1997 e ten a súa sede social na Hermida, Marcón, onde se sitúa a canteira da que é titular dunha concesión de explotación de recursos mineiros. Fundamentalmente explota granito para o seu emprego como árido para a construción.
Está vinculada a outra empresa pontevedresa, Sercoysa, a firma matriz que en novembro do ano pasado presentou un expediente de regulación de emprego temporal para todo o seu cadro de persoal por 180 días para cada un dos traballadores durante dous anos.
O pasado 21 de marzo declarouse o Concurso voluntario de Sercoysa Proyectos y Obras, S.A., cuxo centro de intereses principais o ten no Parque Empresarial O Campiño. Curiosamente o administración concursal tamén é Alberto García-Pombo.