Sercoysa plantexa un ERE extintivo
Por Oskar Viéitez
O administrador concursal da empresa Sercoysa formulou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de carácter extintivo para 36 traballadores e unha redución salarial para outros dez.
Este venres, acompañados do persoal afectado, compareceron en rolda de prensa os responsables sindicais: Xaquín Agulla, de CIG; Lourdes Diz, de UGT; e Luis Rodas, de Comisións Obreiras; para trasladar o seu "descontento co plantexamento do administrador concursal da empresa", o letrado Alberto García-Pombo, a quen acusan de actuar de "mala fe" en todo este proceso pola súa "clara vontade de non negociar".
Os sindicalistas anunciaron a súa intención de iniciar mobilizacións xa que despois de sete reunións "nas que por parte do administrador se limitou a cubrir o expediente" o comité de empresa comprobou "que os despedimentos son inevitables" pero que aínda cabe unha marxe para a negociación, posto que as liquidacións ofrecidas se limitan a 20 días por ano traballado.
Segundo os datos facilitados en rolda de prensa, Sercoysa ten en activos máis de 20 millóns de euros e un pasivo de 16 millóns "unha situación económica que non é tan dramática", sinalou Xaquín Agulla.
Pola súa banda Lourdes Diz indicou que "do estudo do informe sobre a situación de Sercoysa se conclúe que houbo unha pésima xestión por parte dos seus propietarios".
Sercoysa Proyectos e Obras xa tiña en marcha outro ERE, pero de carácter suspensivo de dous anos de duración.
A proposta de ERE extintivo realizada ao comité de empresa afecta a 46 dos 98 traballadores que conforman o equipo, quedan fora os xefes, o persoal de dirección e administración e os 28 empregados de Ovisa (unha filial dedicada ao mantemento das estradas).
O próximo luns 22 de xullo ás 9:30 horas celebrarase unha nova reunión para negociar este ERE. Terá lugar na sede da empresa en Pontevedra, a cuxas portas concentrarán os traballadores afectados.